Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Representación da montaxe ‘Tradicción’ de Nova Galega de Danza |
A Feira Galega das Artes Escénicas amosará en Compostela, do 13 ao 17 de outubro, un total de 25 espectáculos, 20 deles a cargo de compañías galegas, tres de Portugal e dúas procedentes de Euscadi. O cartel componse de 14 propostas teatrais para adultos, oito para os máis pequenos e tres relacionadas coa danza, e xa espertou o interese de máis de 125 profesionais acreditados, entre programadores, distribuidores e produtores do sector escénico de toda a Península.
As compañías foron elixidas a través de dúas vías: en función dos niveis de distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios, e dos criterios de calidade, innovación e actualidade avaliados por unha comisión de selección artística, segundo informou onte a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).
Co obxectivo de favorecer a contratación de espectáculos galegos para a súa distribución fóra da comunidade durante o 2009, a Agadic facilita un programa de bonificacións, que este ano contempla descontos do 40 por cento para teatros e auditorios públicos e privados non galegos e entidades organizadoras de festivais, certames ou feiras, e dun 30% para xestoras de redes públicas. Como comunidade convidada este ano, Euscadi obterá maiores beneficios.
Paralelamente, organízanse mesas de debate con expertos galegos e internacionais. O programa de actividades paralelas compleméntase cos showcases de danza que se desenvolverán no adro na sede da SGAE en Santiago. A Feira distribúese este ano por seis espazos composteláns: a sede da SGAE e o Auditorio de Galicia súmanse á Sala Nasa, o Salón Teatro, Teatro Galán e Teatro Principal.
Entre as compañías participantes figuran Artello Teatro, Berrobambán Teatro, Trigo Limpo Teatro, Lagarta lagarta, Matarile Teatro, Ningures Producións, Pt Excéntricas, Sarabela Teatro,Talía Teatro, Teatro do Morcego ou Nova Galega de Danza.
