Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Cousas estrañas pasan no capítulo de hoxe da serie Libro de familia, de Televisión de Galicia (TVG). A lenda sobre a presenza dunha especie de santo nunha ermida e a aparición dun mendigo polo pobo fan traballar a imaxinación de Elías, Carmiña e Milucho: o suposto santo realiza milagres a cambio duns favores. Envolta neste misterio, Carmiña fará todo o que a misteriosa voz lle pida.
Este acontecemento únese á aparición da Garda Civil en Santalla, que intenta atopar un maquis que anda agochado pola zona. As novas chegan a don Venancio que, máis preocupado pola presenza do maquis que pola do santo, decide visitar a ermida para coñecer dunha vez por todas a verdade do asunto.
Doutro lado, o novo amor de Tomás esperta a curiosidade de Laura, que persuadirá a Elvira para que faga de detective. Porén, aínda que Deli está a facer de celestina entre María e Tomás, Elvira non as terá todas consigo nas súas investigacións. Ademais, don Román segue sen conseguir que Álvaro firme a cesión das súas terras e, para presionalo, aproveita que o xeneral Franco está a conceder indultos para convencelo coa idea da obter a liberdade.
En probas
A segunda canle de Televisión de Galicia, G2, comezará a emitir a súa programación, en firme e de forma regular, de luns a venres, a partir do 2 de febreiro. A G2 viña xa emitindo, a modo de probas, sábados e domingos, unha programación centrada nos deportes minoritarios. O 2 de febreiro inaugúrase unha nova etapa, na que se amplían os días de emisión, os horarios e a propia oferta, cunha programación dirixida os públicos infantil e xuvenil.
A G2 completará a súa programación noutra nova etapa prevista para o mes de marzo, en que ampliará as franxas de emisión con contidos culturais e divulgativos.
