Sábado 06.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
O Teatro Carlos Alberto (TeCA) do Porto encheuse na noite pasada para acoller a estrea absoluta de Wake Up, espectáculo de Nut Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, como parte destacada do cartel do Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI). Tras o éxito obtido pola compañía compostelá o ano pasado no seu debut neste encontro, considerado como unha das citas máis relevantes da temporada escénica peninsular, a súa nova proposta foi recibida con grande expectación por parte do público, de xeito que o aforo do teatro completouse de novo na función que tivo lugar na tarde de onte.
Esta montaxe interdisciplinar, en diálogo permanente coas últimas tecnoloxías, tamén será presentada o vindeiro martes día 9 na extensión do Fitei na localidade de Moita. En Galicia, a nova proposta de Nut Teatro poderá verse no Salón Teatro de Santiago os días 18, 19 e 20 de xuño ás 20.30 horas e o día 21 ás 18.00 horas.
Carlos Neira asina a dirección e a dramaturxia, ademais da concepción dos textos e do espazo escénico desta proposta, para a que conta de novo coas actrices Nerea Barros, Xiana Carracelas, Iria Sobrado e Arantza Villar.
