El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

novos soportes

Xerais e Galaxia abren, para o libro galego, a era do ebook

A editora que dirixe Manuel Bragado xa puxo en formato dixital os títulos 'Sete palabras', de Suso de Toro, e 'Dime algo sucio', de Diego Ameixeiras // 'A esmorga' vai marcar o ingreso de Galaxia no mercado electrónico

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 11.11.2009 
A- A+

Boris Roessler/efe
Libro electrónico nun dos expositores da edición pasada da Feira do Libro de Frankfurt, en Alemaña
FOTO: Boris Roessler/efe

As dúas principais editoras galegas, Xerais e Galaxia, acaban de anunciar, case ao tempo, o seu desembarco literario no formato dixital. As letras galegas non son alleas á carreira dos novos soportes e os primeiros ebooks, ou libros electrónicos, da literatura galega xa se fan realidade en senllos títulos, tamén dispoñíbeis en papel. Trátase de dúas novelas da colección Narrativa de Xerais: Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras, que chegan esta semana ás librarías, e que xa poden ser descargados neste formato dixital dende o espazo da editorial Xerais en Todoebook (www.todoebook.com). Manuel Bragado, editor de Xerais, sinalaba onte no seu blog, que se trata dun "pasiño pequeno, que non teño dúbida inicia un camiño longo para o libro galego do futuro". Apuntábao na súa bitácora virtual, -"sen grandilocuencia, con humildade e rigor, como corresponde ao estilo de traballo do equipo de profesionais de Xerais"- un día despois de que Galaxia anunciara o proxecto de verter ao soporte virtual o seu importante catálogo editorial.

Os títulos preséntanse, polo momento, en formato PDF-Adobe DRM, aínda que nos vindeiros días estarán á venda tamén en E-PUB. A edición e-book de Sete palabras ten un prezo de 13,30 € (5,70 € inferior á edición impresa), mentres que a edición dixital de Dime algo sucio véndese a 11,00 € (4,80 € inferior á impresa). Os e-books de Xerais poden ser adquiridos tamén dende as librarías electrónicas coas que mantén acordo Todoebook (agregador propiedade de Publidisa), como El Corte Inglés, Casa del libro ou Librería Ghandi, entre outras.

Nos próximos meses, Xerais ampliará o seu catálogo de e-books con novos títulos das coleccións Narrativa, Poesía e Ensaio, tanto de novidades como de títulos de fondo actualmente descatalogados que se ofrecerán só en formato electrónico.

No mesmo camiño sitúase a editorial Galaxia, quen, tamén en colaboración con Publidisa, e na mesma liña estratéxica que iniciou hai un ano con Google Books, desenvolverá no próximo ano a primeira librería dixital do libro galego: descargas para eBooks e noutras plataformas

Segundo avanza nun comunicado, a histórica editorial porá no mercado dixital 50 títulos da literatura galega antes de fin de ano. Trátase da primeira fase dun proxecto que ao longo do ano 2010 irá incorporando ao libro electrónico o catálogo completo da editorial (1500 títulos aproximadamente), tanto de autores clásicos como contemporáneos.

Polo seu significado simbólico, o primeiro libro que Galaxia emborcará en páxinas virtuais será A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, que este ano cumpre o seu 50 aniversario. O seguinte será A noite do moucho, título inédito do finado escritor Anxo Rei Ballesteros que a editorial vai lanzar nos próximos días tamén en formato papel.

Os libros de Galaxia estarán ao dispor do público na mesma plataforma de e-books de Publidisa (www.todoebook.com), na que Xerais colgou xa os libros de De Toro e Ameixeiras. Ao tempo, Galaxia está a traballar para converter a súa web de venda de libro físico nunha tenda renovada para a distribución e comercialización tamén de libro electrónico, na que se poidan ofertar os seus libros e os daquelas editoras que Galaxia distribúe.

NO CONSELLO DA CULTURA

'O libro dixital: presente e futuro'

A Asociación Galega de Editores (AGE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (Cedro) organizan, en colaboración co Consello da Cultura Galega, o VI simposio O libro e a lectura. O libro dixital: presente e futuro. Ao redor de 120 persoas asistirán ao encontro que terá lugar o xoves e o venres nas instalacións do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.

O programa, que xira ao redor do presente e o futuro do novo formato dixital, recolle a participación de diferentes expertos do sector editorial e das novas tecnoloxías. Así, ó acto inaugural, programado para as 10 horas do xoves, asistirán o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín; o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez; e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

Javier Celaya, socio-fundador do portal cultural Dosdoce.com, e vicepresidente da Asociación de Revistas Dixitais de España (ARDE) e Chema García, director comercial da editorial Publidisa achegarán a súa experiencia durante a mañá do xoves. Unha mesa redonda centrada nos novos paradigmas para editores e lectores pechará a sesión da mañá. Xa pola tarde, outra mesa redonda ao redor da web, completa a programación para o xoves.

Manuel Bragado, director de Xerais, abrirá a xornada do venres cunha conferencia sobre o libro dixital en Galicia. Unha mañá na que ademais de debater sobre os formatos do libro electrónico, Denis Zirn, director da editorial dixital francesa Numilog, mostrará a situación do ebook en Francia. Pola tarde, tras a conferencia de Luís Collado, director de Google Books en España; Joaquín Rodríguez, sociólogo e docente do Máster en Edición da Universidade de Salamanca, pronunciará a conferencia de clausura .