Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Sábado 27.12.2008      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

[Noticia 2 de 59] noticia anterior de Gente con historia Gente y comunicación » Gente con historia

xENTE CON HISTORIA

César Freiría: "No medio do monte, fago unha festa"

18.10.2009  Carpinteiro dez anos, decidiu facer Maxisterio musical para satisfacer o seu 'vicio' polos sons e os instrumentos e, tras ser mestre e formar parte dunha coral e de distintos grupos, gaña a vida como único home orquestra galego

5.0/5 [1 Voto/s]

1
Comparte en Tuenti
Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

SILVIA VIQUEIRA • SANTIAGO

César Freiría
César Freiría

Poucos meses despois de que John Balan deixara baleiro o cargo de home orquestra en Galicia, animábase César Freiría a ocupalo. Baixo o nome artístico de Cé Orquestra Pantasma, este rapaz vigués leva desde o verán do 2008 animando festas populares, festivais, feiras medievais e moitas outras celebracións en cuxos carteis ocupa un lugar destacado. Nado no barrio do Freixo en 1975, cambiou o oficio de carpinteiro, que desenvolveu durante dez anos, para dedicarse a súa paixón pola música cando tiña 29 anos. Veu para Santiago, superou as probas de acceso á Universidade para maiores de 25 e estudou Maxisterio musical. Deseguido, deu clases estes dous últimos cursos nun colexio de Santiago. Na súa cabeza, non obstante, seguíalle rondando o que cualifica como unha "teima" que ten desde neno, un "vicio" polos instrumentos que lle contaxiou o mestre Moxenas sendo alumno seu de gaita.

E é que unha persoa, matiza Cé, non se converte en home orquestra dun día para outro. "Tratouse dunha evolución, despois de anos traballando con diferentes instrumentos e en diferentes formacións musicais", conta. O mestre Moxenas levaba ás clases outros instrumentos á parte da gaita, César devecía por tocar todos os que chegaban ás súas mans e, ademais, meteuse nunha coral infantil, integrou grupos de gaitas, folk, punk, rock, un deles A Roda, no que permaneceu seis anos. De aí pasou a inventar el mesmo instrumentos que lle permitisen tocar varios á vez "coa idea de dar concertos eu só" e, por último, tocoulle a quenda "a poñer un bombo nas costas e recuperar a figura clásica do home orquestra".

Trátase dunha "aventura", segundo el a define, que non lle está indo nada mal. De feito, deixou o colexio no que traballaba dando clases, co obxectivo de volver a Vigo, e confesa que "agora mesmo, estou vivindo disto e folgado". O investimento no seu negocio cífrase en ó redor de dez mil euros –"primeiro os instrumentos e, unha vez que ves que a cousa pode funcionar, dáste de conta de que necesitas altavoces..."– e ten un caché de trescentos euros por actuación, se ben puntualiza que con asociacións ou colexios, que non andan boiantes, a tarifa márcase chegando a un acordo. Este verán non parou e, en contra do baixón que agardaba pasada a época festeira por excelencia, xa ten acordadas trece actuacións este mes e algunha marcada para novembro. O seu formato, coida, "vén moi ben para a crise" porque "eu só fago unha festa". O equipo lévao tamén el mesmo. Para pasacalles ou feiras medievais non necesita nin toma de corrente. "Sóltasme no medio do monte e toco porque teño un xerador", conclúe. A independencia é, en suma, a clave do éxito nestes tempos que corren, aínda que se resiste a que o presentemos como solución fronte á crise. "A ver se vou ter moita competencia, non quero que ningúen me quite o choio". Está bromeando. Asegura que lle gustaría que houbera máis homes orquestra –non ten coñecemento doutros en Galicia aínda que si de xente que ofrece outro tipo de espectáculos musicais en solitario; lembra os acordeonistas que tan populares son por terras luguesas– e coida que "hai sitio para todos". Tamén bota unha lanza en favor do fenómeno dos rapaces perro flauta, que, a fin de contas, "están buscando a vida e piden ofrecendo un servizo".

O repertorio de Cé Orquestra Pantasma é do máis variado. Foino ampliando co tempo e coa finalidade de conectar co maior número de ambientes e públicos. Desde o seu comezo con poemas de autores galegos, falecidos e contemporáneos, como Cabanillas, Ferreiro, Olga Novo, pasou a incorporar un espectáculo infantil; engadiu despois versións de cancións populares; para os maiores, preparou clásicos dos anos 40 e 50, dálle tamén ó rock, ó pop, bota man do Xabarín e do bravú... Postos a escoller, o que máis lle gusta é actuar para os nenos e nos festivais musicais, onde toca a pé de rúa entre grupo e grupo. A última oferta do seu amplo abano de espectáculos son os xogos populares con música e o único problema de tanta versatilidade é que ás veces esquece as letras. "Bótolle morro e pídolle a xente que me axude a cantar", conta, e tamén que se atopa con algún que outro incrédulo, que lle di que "está todo gravado, que é imposible".

Para as súas actuacións, Cé Orquestra Pantasma conta con dous formatos, ós que se refire como o eléctrico e mais o acústico. O primeiro consta dun bombo cunha caixa que bate e diferentes platos, guitarra eléctrica, harmónica e cazú. Pesa vinte quilos, dezasete de bombo e tres de guitarra. O segundo formato, máis rústico, abrangue gaita, bombo, cabaquiño, acordeón, diferentes frautas, harmónica, chilindrón, carraca, bucina, choca, corno, pandeireta. Anda entre os dez e os doce quilos. O home orquestra, pois, ademais do material e o coñecementos musicais, precisa de preparación física. "E psíquica", engade. "Nas actuacións estou en tensión e non me dou moito de conta. Pero acabo rendido e teño que facer tamén estiramentos despois", sinala.

Pensando xustamente en facilitarse o labor cando decidiu facerse home orquestra, Cé chegou a inventar tres instrumentos: o batepés, que toca cos pés e co que se fai o son do bombo; a calimba-baixo, que toca cunha man e coa que fai os baixos; e unha guitarra de acordes fixos, que toca coa outra man. Logo engadíaselles harmónica, cazú... Agora, sinala, ten este proxecto "un pouco aparcado". Non obstante, segue vencellado á realización de instrumentos
–vexetais e máis feitos a partir de materiais de refugallo– a través de obradoiros que imparte de forma itinerante. Hoxe, domingo, estará en Arteixo, onde ensinará cousas tales como facer un pandeiro cunha caixa de pizza ou unhas claves co mango dunha vasoira.

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS