Sábado 27.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Gente y comunicación » Libros
A Editorial Galaxia vén de publicar A rolda nocturna, da escritora galesa Sarah Waters. A autora británica visitou estes días pasados a capital galega con motivo da presentación da tradución da súa novela ao galego. A obra obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago correspondente ao ano 2008. Foi no propio Casino compostelán onde, o pasado xoves, os lectores tiveron a oportunidade de coñecer á escritora e intercambiar con ela impresións sobre a obra. O marco temporal é o momento inmediatamente posterior á Segunda Guerra Mundial. A acción describe a difícil situación que vive Londres tras os bombardeos dos avións alemáns aos que foi sometida a capital inglesa. Nese contexto, o papel das mulleres emerxe como elemento decisivo non só no proceso de auxilio e reconstrución social senón tamén como voces defensoras dun sentimento claramente pacifista. A dureza da experiencia física e psicolóxica da posguerra maniféstase a través da caracterización dos numerosos personaxes que poboan o texto. Esta obra, de claro carácter feminista, como a propia escritora ten recoñedido, a pesar de que non todos os personaxes femininos que aparecen no texto o sexan, fainos volver a mirada, unha vez máis, cara á actitude de valentía e coraxe das mulleres ante as adversidades e nos momentos máis duros. A rolda nocturna, que lle supuxo á autora catro anos de duro traballo e que aparece en galego da man da prestixiosa tradutora Laura Almazán, enmárcase na Biblioteca Compostela de Narrativa Europea que publica dende fai anos a Editorial Galaxia coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago. / José Manuel Estévez-Saá
