Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Gente y comunicación » Libros
Con motivo da conmemoración do 50 aniversario do falecemento do escritor Ramón Cabanillas (1876-1959), o pasado 2 de febreiro inaugurouse na sala de exposicións do Pazo Municipal da Coruña unha mostra literaria que aspira a dar boa conta da vida e da obra poética dun creador galego a quen, paradoxalmente, non lle gustaba falar dunha experiencia vital persoal que el mesmo definía como tráxica: "Toda a miña vida é unha traxedia" adoitaba dicir. A exposición, denominada "Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos", emerxe da mestura de documentos, memorias líricas do autor de obras inesquecibles como Da terra asoballada, Vento mareiro ou Camiños do tempo, e das lembranzas daqueles que o coñeceron, e vese enriquecida por unha serie de fotografías que quedaron na nosa retina e que axudaron a conformar a imaxe que hoxe gardamos do representante das Irmandades da Fala e o Grupo Nós. Son dez intensos paneis os que acompañan esta exposición que xa puideron gozar días atrás os vigueses e que agora chega á Coruña da man da Editorial Galaxia, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello Regulador da D. O. Rías Baixas e o Concello da Coruña. O acto de inauguración estivo arroupado, ademais de pola concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, polo comisario da exposición, Luís Rei, e polo académico, escritor e director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, quen é, xunto con Rei, un dos grandes ideólogos do proxecto, sempre disposto a acometer calquera acción de compromiso coa cultura galega. / José Manuel Estévez-Saá
