Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Gente y comunicación » TDT
![]() |
| En 2010 a televisión analóxica será historia. O 3 de abril é a data fixada para que se produza o apagamento en toda España, deixando todo o protagonismo á TDT. Desde a Xunta aseguran que Galicia estará preparada para o cambio e que ninguén vai quedar fór |
En 2010 a televisión analóxica será historia. O 3 de abril é a data fixada para que se produza o apagamento en toda España, deixando todo o protagonismo á TDT. Desde a Xunta aseguran que Galicia estará preparada para o cambio e que ninguén vai quedar fóra. Ignacio Otero, o subdirector xeral de planificación de telecomunicación di que en Galicia "o 99% da xente sabe que que hai a TDT".
–¿Galicia está preparada para o apagamento do 3 de abril?
–Eu estou convencidísimo de que si, os galegos imos estar tan preparados como o resto dos españois para estar xa inmersos no mundo da TDT a partir do ano que vén, e iso a pesar de que a nosa comunidade é moi distinta ao resto do país pola dispersión da poboación e a orografía, que requiren un esforzo maior.
– ¿Cal é o nivel de cobertura de TDT no territorio galego neste momento?
– Agora mesmo xa está cuberto máis do 95% da poboación, que xa é máis cobertura da que tiña a televisión analóxica. Cos acendidos dixitais que se van facer de aquí a final de ano chegaremos a case o 97% da poboación. Cando teñamos despregada toda a rede, a TDT cubrirá o 98% dos galegos.
– ¿E o resto?
– Haberá aproximadamente un 2% de cidadáns que terán dificultades co sinal terrestre e que recibirán a TDT por satélite. Damos esa cifra sendo cautos, poden incluso ser menos, porque nalgúns sitios o resultado final está sendo mellor do que previamos. Calculamos que haberá que instalar unhas 20.000 antenas parabólicas entre as catro provincias, pero polo de agora é só unha estimación. De todos modos, o que temos é que lanzar a mensaxe de que todos van ter servizo de TDT, o medio tecnolóxico é o de menos.
– ¿Os galegos saben suficiente sobre a TDT e o apagamento analóxico?
– En Galicia o 99% da xente sabe que hai a TDT. E un dato importante, porque estamos igual que a media do resto do país. Logo hai outro tema distinto, que é que saiban se na zona onde viven vai haber un apagamento da televisión convencional nunha data concreta. O que queremos é que a través dos medios de comunicación, dos concellos, das campañas do Ministerio e da Xunta e mesmo da comunicación porta a porta que queremos facer cos veciños, todos saiban que iso vai suceder e que sexa o mínimo de cidadáns posible o que o descoñeza, para que o ano que vén nin nos acordemos da televisión analóxica.
– ¿Cantos galegos usan xa a Televisión Dixital Terrestre?
–Aproximadamente o 81% dos nosos veciños, oito de cada dez galegos, xa están vendo a televisión por TDT. Hai xente que aínda non a recibe, pero dos que teñen cobertura dixital tamén queda unha porcentaxe que aínda segue vendo a televisión en analóxico. Pode ser por descoñecemento ou tamén por desidia, pero é importante que nos vaiamos adaptando pouco a pouco e que non esperemos ao último momento.
– Haberá a quen lle custe adaptarse ...
–Para os colectivos en risco de exclusión hai un plan do Ministerio de Industria. No caso dos maiores, que poden ter un problema de manexo, hai que pensar que é labor de todos.
