Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Para frear o quecemento global, o planeta precisa deixar de depender do petróleo e do carbón. José María González Vélez, presidente da Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA), cre que fontes como a eólica, a solar ou a hidráulica teñen moito que dicir neste novo escenario, axudando non só a crear un planeta máis sostible, senón a un importante aforro nos fogares que pode chegar a ser do corenta por cento.
Así o defenderá mañá durante a súa intervención no Foro Enerxías Renovables e Cambio Climático, organizado polo Grupo Correo Gallego e que terá lugar no Hotel Araguaney de Santiago. "No foro do xoves tentarei demostrar que as renovables son un bo negocio para España e para o consumidor, porque son más baratas que o reto das tecnoloxías", esgrime, tras constatar que a produción destas fontes limpas no Estado está por baixo da nosa capacidade e dos mandatos do Executivo. "Os obxectivos eran do 12% para o 2010 e estamos un pouco por riba do 8%, pero contando coa hidráulica, que non vai poder facer máis. Non fixemos os deberes, porque temos capacidade e tecnoloxía para producir por riba do 12% que nos fixamos e mesmo do 20% que marca a UE", apunta.
O líder da patronal das renovables demanda, así, máis vontade política para fomentar este tipo de fontes, especialmente nos fogares. "Se se fixeran políticas de aforro e eficiencia enerxética reais, no sector doméstico poderíase chegar a aforrar un 40% da enerxía que consumimos sen menoscabar un gramo do noso benestar. Non é que teñamos que pasar frío", sostén. De feito, se temos en conta que o sector doméstico e o da pequena industria consome un terzo da enerxía primaria, se aforrasemos un 40% sobre esa 30% "dáse a casualidade de que é un 12 por cento do total, que coincide cos obxectivos de produción de enerxías renovables".
Unha das iniciativas que precisamente potencian a eficiencia é o Código Técnico da Edificación que, non obstante, foi castigado pola UE pola súa incorporación tardía e contou coa oposición frontal dos promotores, que o entederon como un custo extra. "O código viu moi tarde. Ademais xusto coincidiu co post-boom da construción, polo que tivo un efecto real entre cero e nada, porque todas as casas estaban construídas", apunta Gónzalez Vélez quen, malia todo, defende a necesidade de construír edificios eficientes.
José María González
"Se se fixeran políticas de aforro e eficiencia enerxética reais, no sector doméstico poderíase aforrar un 40% da enerxía sen menoscabar o benestar"
