Jueves 09.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, realizou esta mañá unha visita ás instalacións do Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria de Galiza (CETECA), que amplía a súa oferta de servizos coa creación da Oficina de Proxectos e coa incorporación do Centro de Apoio Científico Tecnolóxico á Investigación (CACTI). Suárez Canal salientou que “esta ampliación acentúa o carácter multidisciplinar e participativo do centro, que permite desenvolver plenamente a súa faceta de transferencia dos resultados do ámbito da investigación á aplicación práctica no mundo da produción, canalizada a través dunha gama específica de servizos destinados aos profesionais que desenvolven a súa actividade no sector da agroalimentación”
Coa posta en marcha da Oficina de Proxectos, o CETECA incide na prestación de servizos e asesoramento a empresas e produtores, adaptando a súa oferta de programas formativos á medida das súas necesidades e da produción de alimentos de acordo cos parámetros dos mercados e dos consumidores actuais. Os servizos a empresas abarca unha ampla gama de áreas que van desde o asesoramento e transferencia tecnolóxica á simulación de procesos e produtos (planta piloto), pasando por análises sensoriais (panel de catas) ou análises de alimentos, augas e solos. A Oficina de Proxectos tamén contempla a asistencia técnica a profesionais do ámbito agroalimentario, a través de estudos prospectivos sobre novas tecnoloxías, análise de mercados para o lanzamento de novos produtos, estudos de viabilidade, promoción e marketing, así como asistencia ao sector nos procesos de adaptación lexislativa e no campo da I+D+i. Estas accións, unidas á oferta de formación continua para profesionais e técnicos do campo agroalimentario e á organización de xornadas técnicas, están enfocadas a acadar unha colaboración estreita cos produtores e empresas, adaptándose ás súas necesidades particulares.
Pola súa banda, o CACTI incorpórase ao CETECA froito dun convenio de colaboración subscrito entre a Universidade de Vigo e as Consellarías do Medio Rural e Innovación e Industria co obxecto de coordinar as sinerxías no ámbito da investigación e a participación conxunta en diferentes proxectos de I+D+i, e noutras actividades de promoción da investigación. En virtude do citado convenio, o CETECA acolle nas súas instalacións o CACTI para poder facer uso da súa potente e avanzada instrumentación científica e analítica. Neste sentido, cabe destacar que o valor do equipamento científico do CACTI en Ourense sobrepasa os catro millóns de euros e posúe, entre outros elemento singulares, unha capacidade analítica que permite determinar compostos e contaminantes presentes en cantidades infinitesimais en mostras alimentarias e medioambientais.
Visita á empresa de comercialización de produtos hortofrutícolas Legufrut
Antes da súa visita ao CETECA, o conselleiro do Medio Rural tamén visitou o centro de manipulación e envasado de produtos hortofrutícolas Legufrut S.L., cuxa instalación contou co apoio do seu departamento no marco da liña de axudas para a creación e mellora de industrias agroalimentarias. Trátase dunha construción composta por una nave con capacidade para 11.288,85 toneladas de produto e que, na actualidade, conta cunha plantilla de 28 traballadores.
Durante esta visita, Suárez Canal lembrou que a Consellaría do Medio Rural leva facendo unha importante esforzo para incentivar o desenvolvemento de industrias agroalimentarias, co obxecto de pechar ciclos produtivos que xeren maior valor engadido no país. O conselleiro destacou que precisamente a través da liña de axudas para a creación e mellora de industrias agroalimentarias, foron aprobados no período 2006-2008 un total de 569 proxectos, o que supuxo un investimento público de 72,1 millóns (aos que hai que sumarlle 20 millóns de euros máis para industrias agroalimentarias creadas ao abeiro das liña de axudas a Proxectos Dinamizadores), e un investimento inducido de 200,5 millóns de euros (máis 50 millóns de euros no apartado de Proxectos Dinamizadores). No caso concreto dos produtos hortofrutícolas, Suárez Canal tamén fixo mención á inminente implantación da Marca de Calidade da Horta Galega, que diferenciará as producións deste sector a nivel galego.
