Jueves 09.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, o Consellerio de Medio Rural e representante da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), Alfredo Suárez Canal, asinaron na mañá de hoxe un convenio de colaboración para a remodelación e a adquisición do equipamento científico-técnico e mobiliario necesario para a optimización do Centro Tecnolóxico da Carne no seu proceso de reconversión no Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria de Galicia. Con este convenio, Innovación e Industria destinará 819.996 euros ás obras de acondicionamento de aproximadamente un tercio da segunda planta baleira do CTC (sobre uns 700 m2), para a construción de sete despachos, un laboratorio, unha sala de análise, unha sala branca, un almacén, unha sala de máquinas e un vestidor. Este investimento permitirá dotar das infraestruturas necesarias aos investigadores que veñen de incorporarse ao centro para desenvolver tarefas de I+D ao servizo do sector.
A maior parte deste investimento destinarase ás obras de acondicionamento, 517.241,38 euros, e ao equipamento científico-técnico, 205.254 euros. Tamén se destinarán 67.500 euros para mobiliario de oficina e 30.000 euros en honorarios do equipo de arquitectura. A axuda distribúese en dúas anualidades, unha de 286.841 euros en 2007 e outra de 533.155 euros en 2008.
A Fundación Centro Tecnolóxica da Carne foi constituída en 2001 e, nun comezo o seu obxectivo non estaba claramente definido, enfocándose xenéricamente cara o desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas relacionadas co sector cárnico, en todos os ámbitos de actividade, facendo especial fincapé en fomentar a investigación e o desenvolvemento na materia cárnica, para mellorar as técnicas de xestión produtiva e coordinar a correcta utilización de todos os medios tecnolóxicos existente en Galiza.
Coa idea de definir e concretar os obxectivos deste centro, así como de optimizar o seu funcionamento e poder estender a súa actividade máis alá do subsector cárnico, para atender as necesidades de servizos tecnolóxicos e de I+D+i do sector industrial agroalimentario galego, o 13 de setembro de 2006 a Consellaría de Innovación e Industria, a Consellaría de Medio Rural e a Universidade de Vigo asinaron un convenio de colaboración para a elaboración dun estudo de avaliación da oportunidade e necesidade de creación do centro de referencia galego de autenticidade (calidade e seguridade) alimentaria.
Á vista do devandito estudo de viabilidade e como fase previa ao proceso de reconversión do Centro Tecnolóxico da Carne no Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria de Galicia, considérase preciso mellorar as instalacións e o equipamento do CTC con este investimento de 819.996 euros para adecualas ás potencialidades e funcións do Centro Tecnolóxico da Carne e do futuro Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria de Galicia.
O obxecto do Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria de Galicia consistirá en contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento e mellora da competitividade na industria agroalimentaria en xeral, e cárnica, en particular, de Galiza, como un dos sectores estratéxicos máis importantes do país, mediante a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. Así mesmo, as actividades que levará a cabo dito centro serán, entre outros, a realización de proxectos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación, e servizos tecnolóxicos, a concepción e realización de proxectos de investigación e desenvolvemento para empresas, a coordinación da participación dos axentes galegos agroalimentarios en proxectos de investigación, a colaboración coa administración en temas relacionados coa carne e coa autenticidade alimentaria, o fomento dos produtos agroalimentarios e cárnicos galegos a través de campañas informativas e publicacións, etc.
Neste momento, están a debaterse os novos estatutos do centro, que se agarda sexan aprobados a comezos do ano que vén.
