Lunes 22.03.2010
| Actualizado 14.13
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Portada da rede social Busuu.com, con todas as súas ferramentas FOTO: GH |
Imaxinade que o coñecemento de idiomas que pode ter unha persoa é coma un bosque. Na rede social Busuu.com, cada lingua que iniciamos pasa de semente a árbore, e vai medrando á medida que se estuda e se amplían os coñecementos... e se es algo lacazán, a planta mingua. "Sempre deberías ocuparte de que o teu xardín de idiomas florecese", sinálanos Bernhard Niesner, un dos impulsores desta acción formativa on line. "Temos uns mil usuarios de Galicia e uns 180.000 usuarios en total", apunta, todo un récord se pensamos que levan só ano e medio na rede. "Agora mesmo, cada día rexístranse un milleiro de usuarios novos, e xa os temos de máis de 200 países distintos, hai de todo, desde Afganistán ata Illas Mauricio".
¿Poderan algún día aprender galego a través da súa plataforma? Niesner cre que si. "Estamos falando con varias rexións en España para pór os idiomas rexionais. Aínda non estivemos en contacto co Goberno de Galicia pero estariamos encantados de ensinar tamén este idioma. Desde o principio construímos a páxina de maneira que poderiamos ensinar calquera idioma do mundo", alega.
Na actualidade é posible aprender inglés, francés, alemán, italiano e castelán. "Deica pouco imos engadir portugués", sinala este emprendedor. "En cada idioma temos catro cursos nos niveis A1, A2, B1, B2, de prinicipante ata intermedio alto, segundo o marco común europeo de referencia para as linguas", sostén. Os cursos conteñen máis de 150 unidades didácticas que cobren varios temas. "Desde a entrevista no traballo ata como ligar con mozas cubrimos un rango de temas moi amplo". Confírmanos, e todos as unidades son completamente audiovisuais, "con fotos e voces de locutores profesionais".
Esta idea naceu "cando fixemos un MBA no Instituto de Empresa en Madrid. Somos dous estranxeiros, eu son de Austria e o meu socio, Adrian Hilti, de Suíza/Liechtenstein, e tivemos que aprender español. Preguntabámonos por que aínda a aprendizaxe ten que ser tan difícil, aburrida e caro". E puxéronse mans á obra para construír unha ferramenta "que a nós nos gustaría para a aprendizaxe".
Combinalo cunha rede social foi a solución, porque así "non só aprendes por ti mesmo": podes ao mesmo tempo "mellorar os teus coñecementos con outros nativos da comunidade". Cóntase con aplicación de vídeo-chat para practicar directamente con outros usuarios, "e ti mesmos non só es un estudante de idiomas senón tamén un titor do teu propio idioma materno. Notamos que isto lle encanta á xente, non só recibir, senón tamén colaborar e axudar a outros".
O caso é que a fórmula gustou, tanto como para ser obxector de múltiples recoñecementos. "Para ser un start-up pequeno de verdade xa recibimos bastante premios. Recentemente recibimos o Selo Europeo para Proxectos Innovadores en Aprendizaxe de Idiomas", sinala Bernhard Niesner, un " premio bastante prestixioso no mundo do ensino". Tamén foi elixido proxecto do ano internacional dos idiomas da Unesco. "Creo que a industria de aprendizaxe de idiomas viu moi pouca innovación nos últimos anos. Nós intentamos de dar un salto e esperamos que pronto tamén esteamos certificados como escola oficial. De todas as maneiras, ao final do día, non vale o certificado, vale o coñecemento bo dun idioma, e isto é o que vas lograr con grazas a www.busuu.com".![]() |
| Os cofundadores, Niesner e Adrian Hilti FOTO: GH |
¿E canto custa toda esta cibersabedoría? Na súa versión básica, Busuu.com é completamente gratuíta. "Ofrecemos case todas as funcionalidades (150 unidades didácticas audiovisuais, vocabulario, diálogos, exames interactivos, vídeo-chat con outros usuarios etc..). sen pagar nada". Pero se se quere ir máis aló, e aproveitar todas as ferramentas, chega con pagar unha pequena cota mensual "de só 7,99 euros ao mes, que o prezo dunha comida". Como usuario Premium, "tes acceso a mais funcionalidades como unidades de gramática, pdfs, podcast, unidades de vídeo e outras. O prezo é único e vale para todos os idiomas: se aprendes catro á vez, ¡cada un sáeche por menos de dous euros ao mes! A extinta, malograda e fraudulenta– Opening, cobraban 1.500 por curso.
¿Interesado? Pois so queda facerse usuario e gañar moitos busuu-berries, sistema de motivación similar a unha puntuación que se acadan con cada actividade de aprendizaxe... e xa hai quen supera os 40.000.
Busuu.com fíxose co Selo Europeo das linguas para proxectos innovadores na área de ensino e aprendizaxe de idiomas, e recibiu este prestixioso premio de mans do Ministerio de Educación. O galardón, remunerado con 1,500 euros, foi doado á ONG Asociación de Camerún para a Protección e Educación do Neno, que o utilizará para axudar a construír unha escola. O nome da rede social vén da lingua busuu de Camerún, que hoxe só falan 8 persoas.
Para promocionar o portal, Busuu.com contou con La Despensa e creou un documental viral sobre o asubío gomeiro, o idioma asubiado en perigo de extinción da illa Canaria da Gomera. Ademais, busuu.com ofreceu un apartado na súa páxina onde os seus usuarios podían coñecer máis sobre este peculiar idioma e empezar a aprendelo. O resultado foi premiado co galardón máis prestixioso no mundo da publicidade, un León de Prata no Festival de Cannes.