Sábado 11.02.2012
| Actualizado 16.04
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Quique Costas, pola esquerda, Xabier P. Docampo, Mercedes Queixas, Francisco Fernández Rei, Pilar Ponte, Rafael Cuíña e, atrás, Agustín Fernández Paz, onte en Compostela FOTO: ramón escuredo |
Chegou o momento de moverse pola lingua. É a mensaxe que podería tirarse do acto que tivo lugar onte na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela para presentar ProLingua definida, ante un auditorio de preto de 200 persoas como "apartidaria, social e non xerarquizada", segundo o escritor Xabier P. Docampo, un dos seus impulsores. Formada por 300 membros e apoiada na súa páxina web (www.prolinguagalega.org) por case mil sinaturas -"mil primaveras máis para o galego", afirma Docampo-, esta plataforma en defensa do galego nace coa finalidade de "promover accións en favor da lingua" centradas en que "se cumpra o Plan xeral de normalización de 2004 e a Lei de normalización, e que non se tome ningunha decisión contra a lexislación lingüística actual".
"Sempre puxemos fe e traballo, pero agora hai que poñer algo máis", sinalou Docampo. De feito, a independencia será un dos guieiros desta plataforma xa que só os seus membros serán os encargados de financiala. "Non queremos subvencións públicas nin outra vía de financiamento que non proceda dos fondos achegados polos membros de ProLingua", deixou claro.
A plataforma decidiu que a súa primeira acción será a saída ao público dun pin co seu logo "como un símbolo do orgullo individual de termos unha lingua propia, e de non pertencer ao grupo minoritario de negacionistas do idioma", apuntou o escritor. Pero tamén se barallan outras ideas como a elaboración dun argumentario "que contrarreste as mentiras que están a difundir", ou a organización dunha "gran marcha pola lingua" en maio de 2010. Porén, ProLingua non se adherirá á manifestación do vindeiro 18 de outubro xa que "serán os seus membros, a título individual, os que decidan se van. Eu, a nivel persoal, si estarei", afirmou Docampo.
No acto tamén tomou a palabra o académico Francisco Fernández Rei para destacar que esta plataforma -á que comparou cunha dorna "de fasquía plural- nace para "devolver o idioma ao lugar que merece" contra vento e marea. O escritor Agustín Fernández Paz chamou a "actuar en positivo" e a reclamar para os falantes de galego igualdade de dereitos para que a nosa cultura "non sexa un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado".
A escritora Mercedes Queixas afirmou que a cidadanía "debe marcar os tempos e ser o motor dos cambios". Pola súa parte, a profesora Pilar Ponte destacou a heteroxeneidade das persoas que apoian Prolingua por "dunha causa común que nos une: o galego". Pechou as intervencións Rafael Cuíña, fillo de Xosé Cuíña e militante do PP, que deixou claro o seu "compromiso absoluto coa lingua" e a vontade de loitar contra "complexos de inferioridade" que lastran o idioma. Entre o público, apoiaron o nacemento de ProLingua os editores Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello, o escritor e académico Xosé Luís Méndez Ferrín, o intelectual galeguista Xosé Manuel Beiras ou o nacionalista Camilo Nogueira.
