Jueves 09.02.2012
| Actualizado 21.10
Hemeroteca web
|
RSS
Se tal como supón o filósofo Peter Sloterdijk, o ser humano é un experimento sonoro, habería que comprender o mundo como un sistema polifónico perfectamente engranado e onde cada territorio ten a súa paisaxe acústica. Non soa igual Galiza que Catabria, Etiopía ou Nepal. Nin Marín que Ferrol, nin as dunas de Corrubedo que as de África central. E ese ruído é identitario. E é a fonte da que bebe o proxecto Escoitar.org, unha asociación cultural dedicada á recuperación da memoria sonora galega que hoxe ás 13.00 horas aterra en Compostela -"unha cidade con moitos silencios"- para grabar parte do seu son dentro do programa do Festival dos Abrazos .
Pertrechados cun micrófono xigante inchábel de sete metros de lonxitude, arrastrado e suxeitado con arneses, o batallón de oíntes percorrerá as rúas da cidade na procura dos sons propios -os chamados sons de pertenza- "aqueles de confiren o carácter e a identidade acústica do lugar, que os habitantes recoñecen como propios e que non se escoitan en outros sitios", segundo explica o antropólogo Chiu Longina, coordinador de Escoitar.org. Alén, o macrófono capturará o son ambiente en tempo real o que posibilita a súa emisión radiofónica.
Segundo explica Longina, na Sonosfera de Santiago, "que faremos coa colaboración do Colectivo Alg-a, poñeremos en primeiro plano ese son. "A maioría ímolos buscar, pero facémolo como unha deriva situacionista, é dicir, deixámonos sorprender polas orellas. Outra boa parte veñen dos traballos de prospección previos baseados en estudos da historia de Galicia e dos consellos que escoitamos no programa O Tren do Serán da Radio Galega.
E outra parte veñen dos obradoiros que se imparten nas cidades e os pobos ou do traballo de campo que se fan habitualmente -baseado sobre todo en entrevistas en profundidade a informantes-. "O que temos moi claro dende sempre é que son os propios ointes os que deciden cales son os sons importantes na súa experiencia sonora, é por iso que o sistema web de Escoitar.org permite a calquera oínte engadir sons ao mapa. "Co son poden contaminarnos e até torturarnos".
Curiosamente a lexislación actual sobre son refírese unicamente os aspectos de presión sonora, é dicir, de volume, pero non recolle aspectos cualitativos do son, como é este caso, así que pouco se pode facer legalmente para evitalos. De novo temos diante esa hexemonía histórica do visual sobre o sonoro.
Escultura Escoitadora na Praza do Toural, trátase dunha acción "na que taparemos a boca e pecharemos os ollos durante quince minutos para afinar os nosos oídos e invitar ao mesmo tempo a cidadanía a que faga o mesmo".
Os membros do grupo falan de que seleccionan os sons s como expedicionarios. "É moi difícil elixir un son concreto, sobre todo porque a nosa experiencia é plurisensorial e moitas veces os sons están asociados ás imaxes, os olores ou as sensacións tácteis. Comento isto porque aínda que nós en Escoitar.org centramos a nosa investigación no son, como método científico operativo, temos moi claro que os nosos cinco sentidos funcionan como sensores de datos que informan ao cerebro e este interpreta e memoriza as situacións deste xeito plurisensorial. Un son que sempre me sorprendeu e o silencio das mañáns na miña aldea, na que se escoita perfectamente como traballa o pequeno disco duro do portátil, cousa que nunca escoitei en Vigo.
Duelo entre Lord Keison e Chemical Orange
Como todos os venres,o Festival dos Abrazos pechará a xornada cunha sesión dj ás 23.30 h. no parque de Bonaval MusicVideoCrash, nome dun espectáculo no que Lord Keison se enfronta nun novo combate entre audio e vídeo con Chemical Orange. O inglés Funk, Soul, Rebel combinará a súa selección ampla de estilos na busca da vitoria sobre a técnica e a estética impecable do Chemical Orange.
A música persa de Barbod
O patrimonio arquitectónico de Compostela volve ser testemuña dun encontro intercultural no Festival dos Abrazos coa Barbod Ensemble, que hoxe actúa na igrexa de Santa María do Camiño, ás 13.00 h. e ás 20.00 h.. Cunha formación e un repertorio que beben das tradicións musicais de Oriente Medio, o grupo está integrado por músicos iranianos e armenios, encabezados por Massud Naderi, mestre dos ritmos persas sacados dun peculiar instrumento: o tombak. Todos eles residen en Cataluña e os seus espectáculos inclúen improvisacións sobre pezas das tradicións persas, armenias e doutros países do Oriente Medio, o Cáucaso e Asia Central, nas que a percusión xoga un importante papel. Entre eses sons exóticos destacan o do tombak e o def, que se funden coas melodías engaiolantes de instrumentos de corda, como o rubab afgano, o oud e o tar, e mais de vento, como o duduk.
