Jueves 09.04.2009
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Pola esquerda, en primeiro plano, o director do CTC, Xan Xosé Rodríguez, o director xeral Salustiano Mato e o conselleiro Suárez Canal FOTO: Ramsés/AGN |
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, cualificou o mércores pasado de "bo exemplo" de como "deben ir no futuro os investimentos públicos" o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico de Investigación (Cacti), departamento que se sitúa no Centro Tecnolóxico da Carne, e do que se inauguraron ese mesmo día as súas novas instalacións, no Parque Tecnolóxico de Galica, a Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense).
O acto de presentación das novas instalacións tivo lugar no salón de actos do Centro Tecnolóxico da Carne e contou coa participación, entre outros, do director xeral de I+D, Salustiano Mato, e da vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez, ademais do director xerente do CTC, Xan Xosé Rodríguez.
Na súa intervención durante a presentación das novas dependencias, Alfredo Suárez Canal, asegurou que o proxecto, iniciado no 2005, pretendía "encher de contido" as instalacións do CTC, polo cal o seu departamento intentou "con decisión e convicción" que nestas "se lles puidese dar cabida a novas iniciativas" que incrementasen a achega de valor engadido á "gran produción de calidade" do sector primario galego. Neste sentido, Suárez Canal manifestou que nas novas dependencias do Cacti numerosos investigadores poderán formular solucións "dende o mundo da transformación e do consumo". Así mesmo, engadiu que a nova orientación que se situará na segunda planta do edificio que alberga o Centro Tecnolóxico da Carne supón unha "sinerxía total entre as administracións, empresas e universidade".
Tamén precisou que a iniciativa trata de "darlle resposta" á estratexia de orientación dos investimentos públicos no futuro para apuntar o Cacti como "un bo exemplo diso" por revalorizar o sector primario cunha inxección de fondos "importante" en canto a novas ideas e coñecementos "para desenvolver novas marcas ou iniciativas". Así, manifestou que Galicia "ten moito que dicir no mundo agroalimentario" e engadiu que con esta colaboración entre as consellerías de Medio Rural e Innovación e Industria "e a involucración directa da Universidade de Vigo a través do Campus de Ourense" se está a impulsar unha vía do "que debe ser xuntar esforzos nun momento complicado".
Por outro lado, a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez, asegurou que o Cacti supón a "materialización dun dos retos da Universidade" para "achegar o resultado das nosas investigacións ás empresas e ós centros tecnolóxicos". Vázquez explicou que o espazo do CTC foi cedido pola Consellería de Medio Rural, mentres que a adecuación deste "para a instalación de equipos" correu a cargo da dirección xeral de I+D da Consellería de Innovación e Industria. Neste sentido, Vázquez asegurou que a Universidade "gaña calidade de espazo para os seus equipos de análise" a onde trasladarán "equipos por valor de 4 millóns de euros. O importante é dar un paso máis na economía do coñecemento tan necesaria para o avance do noso país", aseverou. Pola súa banda, o director xeral de I+D, Salustiano Mato, asegurou que co Cacti se pon "o coñecemento ó servizo do sector agroalimentario galego" e destacou como "clave" que os produtores teñan "claro cales son as súas necesidades no campo da innovación" mentres que o centro ha de saber "como responderlles a esas demandas e necesidades". Mato destacou que nas novas instalacións operarán "máis de 40 científicos e tecnólogos" ademais de permitir o "fluxo de científicos e investigadores que utilizarán os servizos centrais de investigación no Campus de Ourense".
O director xerente do CTC, Xan Xosé Rodríguez, mostrou a súa "satisfacción" pola "culminación" de varios proxectos "a tres bandas" que permitiron a dotación económica de 800.000 euros para a adecuación da segunda planta do inmoble que acolle dende o mércores pasado o Cacti, que conta cunha extensión de 200 metros cadrados de superficie. Rodríguez manifestou que o Cacti é un laboratorio "que xa está a funcionar" no Campus de Ourense "pero que se traslada aquí non só co seu equipamento e persoal" senón que propiciará que investigadores novos proxectos en colaboración.
Precisamente, o mesmo día culminaba un proceso polo cal Caixanova e Caixa Galicia se convertían en accionistas do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Agora, en virtude deste proceso de ampliación de capital, cada unha das grandes caixas galegas asume o 20,78% dos títulos da sociedade, o cal foi ratificado pola directiva da entidade, na cal participan a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Ourensán de De-senvolvemento Económico, a Cámara de Comercio de Ourense, os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, a Universidade da Coruña, a Confederación de Empresarios de Ourense e o sindicato UXT.
