El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

notas de actualidade

HELENA VILLAR JANEIRO

Poderes morais

05.01.2007 
A- A+

A felicitación para o 2007 que máis me chamou a atención viña inserida nun xornal. Procedía dun colectivo de Lugo que se debe chamar Parque Rosalía. Porque remitía á web parquerosalia.es, que aínda non tiven ocasión de consultar. Paso este retiro vacacional afastada da rede, pero, cando me poña a ton co mundo e coa tecnoloxía que permite sucar o océano virtual agochado nos ordenadores, será o primeiro que procure.

Canda os bos desexos para todos, o grupo chamaba a atención sobre o parque lucense que leva desde hai moitísimo tempo o nome de Rosalía de Castro, o que ten na entrada u­nha estatua da Cantora e se asoma pola parte de atrás sobre o Pai Miño. Nas encostas deste fermoso lugar aniñan deste hai anos as casetas do polbo que abren polo San Froilán, feito que o fai visitable por milleiros de persoas en chegando outubro. Durante todo o ano é un locus amoenus moi querido polos habitantes da cidade milenaria e polos visitantes. O grupo solicitaba que cesase a presión urbanística sobre este espazo singular que merece a mellor protección.

Lugo é unha cidade relacionada con Rosalía de Castro. En 1864 os estudantes do seu seminario ameazaron con apedrar a imprenta de Soto Freire para lle impedir que publicase, no seu Almanaque, o cadro de costumes El Codio que ela escribira e eles consideraban, polo visto, moi perigoso. Aínda hoxe ninguén conseguiu coñecer este texto, pero si a novela que este mesmo impresor dá a luz en 1867 e que leva por título El caballero de las botas azules. Cuento extraño.

A gran revelación deste agoiro de felicidades futuras é que os seus autores manifestan, de paso, que Rosalía non dexaría levar a cabo unha desfeita do parque. E esta consideración da escritora como símbolo de loita pola conservación do contorno e pola defensa das causas xustas lévame a comprobar toda a súa actualidade, non xa como a poeta clásica que rebasa as limitacións e estreiteces do tempo, senón como modelo operativo de conservación racional do país e das boas prácticas públicas.

Deixou escritos moitos poemas comprometidos con Galicia e coa xente máis abandonada de todos os poderes. Pero que a sociedade de hoxe a considere con forza moral para impedir as trapalladas urbanísticas é a mellor mostra de que Rosalía de Castro segue viva cos seus ideais. E que nos pode guiar como ninguén.