El Correo Gallego

Cultura | cultura@elcorreogallego.es

CADErnos

Queipo reclama unha "revolución cultural" galega na súa nova obra

O libro é un compendio das intervencións do autor no espazo "Diario Cultural", da Radio Galega

LAURA VIEIRO • SANTIAGO  | 11.07.2007 
A- A+

"Escoite, señora conselleira de Cultura, unha revolución cultural é precisa". Esa é a frase de cabeceira da nova obra de Xavier Queipo, que foi presentada onte na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. O libro, titulado Caderno de Revolución Cultural e publicado por Edicións Laiovento, é un compendio das intervencións de Queipo no programa Diario Cultural, emitido pola Radio Galega, nas que este biólogo establecido en Bruxelas desprega o seu aguillón crítico sobre temas diversos, que abranguen dende a crítica cinematográfica ata os incendios. O escritor define a súa obra como "acupuntura cultural: o libro é como unha agulla que se crava nunha zona determinada, puidendo dar resultados ou non", explicou. Trátase de "microensaios", de textos importados da radio e redactados cunha linguaxe clara e sinxela.

A presentación comezou coas palabras do profesor Manuel Outeiriño, que lembrou que esta é a segunda vez que Queipo escolle a facultade compostelá para dar a coñecer a súa obra, xa que hai anos fixo o propio con Mundiños. Ao acto asistiron tamén o director de Laiovento, Francisco Pillado; o condutor do espazo Aberto por Reformas, Xurxo Souto; e a presentadora do Diario Cultural, Ana Romaní.

Pillado amosouse pesimista sobre esa "revolución cultural" que clama o título do libro e ironizou coa falta de interese sobre a cultura que amosa a Administración. "Cando a cultura se converte en algo menor para un Goberno, terminamos priorizando os partidos de fútbol", apuntou.

Mentres que o editor definiu o Diario Cultural como un "oasis" informativo, Souto cualificouno como "unha illa" na que Queipo axuda os oíntes a "exercitar o músculo de pensar".

Finalmente, Romaní salientou que o programa convida a cidadanía "para reivindicar o seu dereito a situarse na praza pública" e subliñou a importancia de que "nesa praza haxa voces como a de Queipo". Porque, concluíu, "ás veces, as revolucións comezan coas pequenas cousas".