Domingo 08.02.2009
Hemeroteca web
|
RSS
A documentación remitida en galego polos concellos galegos á Xunta pasou do 26 por cento no 2000 ao 80 por cento no 2006.
O dato despréndese do segundo informe sobre a aplicación en España da Carta das Linguas Minorizadas, onde tamén se subliña que o galego é a lingua maioritaria dos plenos municipais e se restituíron, con algunhas "excepcións", os topónimos orixinais do país. Precisamente, distintos membros do Comité de Expertos das Linguas Minorizadas están estes días en Galicia para contrastar o informe, nunha xira que inclúe entrevistas coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, ademais de encontros con distintas institucións e asociacións, como a Real Academia Galega ou a Mesa.
Na súa entrevista con Piñón e Marisol López, o Comité de Expertos interesouse polo deseño e as características da Comisión Interdepartamental da Xunta, así como pola entrada en vigor, o pasado 1 de setembro, dos novos Certificados de Lingua Galega (Celga).
O tema central da entrevista foi o novo decreto que regula o uso do galego no ensino. Piñón explicoulles que a aplicación do decreto supón que, en educación infantil, os profesores usarán a lingua materna predominante entre o alumnado e coidarán de que os estudantes adquiran, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial. Ademais, fomentarase a adquisición progresiva da lectura e escritura en galego. O comité entrevistouse tamén coa Mesa pola Normalización Lingüística "para contrastar as súas opinións coas informacións que lles están achegando as administracións", explicou a Mesa, que ve aínda moi lonxe o cumprimento da Carta en moitos aspectos.