El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

literatura

O poeta Eduardo Estévez faise coa XIV edición do González Garcés

'Construción' é o título do volume gañador do certame poético da Deputación da Coruña, que foi resolto onte // O xurado salientou a "contemporaneidade da súa escrita" e súa aposta por renovar a nosa tradición

AGN • SANTIAGO   | 28.05.2008 
A- A+

VIKY GARCÍA
O poeta Eduardo Estévez, que onte acadou a XIV edición do Premio Miguel González Garcés
FOTO: VIKY GARCÍA

A obra Construcións, do poeta Eduardo Estévez, resultou gañadora do XIV premio de poesía Miguel González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña. Estévez, nado en Bos Aires e residente na Coruña, xa obtivo un accésit na VII edición deste galardón no ano 1997, pola obra Só paxaros saíron desta boca.

O xurado seleccionou por maioría a obra gañadora entre os 55 orixinais presentados ao certame pola "contemporaneidade da súa escrita e a aposta do autor pola renovación da nosa tradición estética". Tamén decidiu outorgar o accésit á obra Cabalos do alén na cidade das fábulas.

Como premio, Estévez verá publicada a súa obra na colección de poesía da Deputación, que xa conta con 25 títulos, amais de recibir 6.500 euros. Deste xeito, editaranse 1.500 exemplares da obra gañadora e finalista, que se presentarán no derradeiro trimestre do 2008.

Entre os galardoados en anteriores edicións atópanse recoñecidos nomes da lírica e da literatura galega como Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Álvarez Torneiro, Estevo Creus, Román Raña, Xulio L. Valcárcel ou Xosé María Álvarez Cáccamo.

O xurado nesta edición estivo presidido polo titular da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e contou coa participación da deputada Caridad González Cerviño, Luz Pozo Garza, Medos Romero, Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Forcadela e Gonzalo Navaza.

Eduardo Estévez (Bos Aires, 1969) publicou obras como Catedrales de perfil e Ya tan ­deshabitado. En galego, torou de publicou Lúa gris, premio Tivoli Europa 1999, Os veos da paisaxe, Caderno apócrifo da pequena defunta, co que obtivo o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Derrotas, gañadora do premio de poesía do Concello de Carral, e forma parte da antoloxía Itinerarios.

Foi membro do consello editorial de Letras de Cal e Retagarda Edicións. Traduciu ao castelán obras de poetas brasileiros como Cecilia Meireles, de portugueses como Nuno Júdice e de galegos como Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras ou Manuel Forcadela.

Actualmente, é programador e no tempo libre exerce como construtor e soporte técnico dalgúns sitios web. Ademais, coordina obradoiros literarios, na biblioteca de Fene e das Pontes.

O DATO

Unha participación moi alta no galardón

O comisario do premio, Xabier Seoane, destacou a "alta participación" nesta edición do certame, así como "a variada estética das obras presentadas" algo que, ao seu xuizo, "demostra a boa saúde da poesía galega, tanto nos aspectos técnicos e formais como de contido" .