El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

fito

Histórica reedición crítica do cancioneiro de Casto Sampedro

O facsímile da obra editada en 1982 pola Fundación Barrié amplíase baixo a dirección de Carlos Villanueva // O libro inclúe estudos de Luis Costa, Xavier Groba e José Carlos Valle

EUROPA PRESS • VIGO   | 30.01.2008 
A- A+

AGN
Carlos Villanueva, onte en Vigo
FOTO: AGN

A Fundación Pedro Barrié de la Maza presentou onte en Vigo a reedición de crítica do Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro e Folgar, unha facsímile da obra editada en 1982 pola mesma fundación, con textos do Xosé Filgueira Valverde.

Nesta nova edición de 2008, a publicación inclúe unha serie de estudos críticos coordinados polo catedrático de Música da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Carlos Villanueva, e realizados por expertos como Luis Costa, Xavier Goba e José Carlos Valle.

O cancioneiro consta dun total de 652 páxinas nas que se recompilan 509 pezas musicais con partitura, reunidas por Casto Sampedro e a súa rede de informantes, entre os que destacaron Víctor Said Armesto, Ramón de Arana ou Santiago Tafall. O estudo abrangueu case un centenar de municipios da comunidade, e baseouse no contacto con colectivos sociais como "xente do mar, grupos de baile e aldeás," segundo destacou Villanueva.

As transcricións musicais teñen a peculiaridade de efectuarse, na maioría dos casos, de memoria ou mesmo en directo. Por iso, algunhas das partituras eran até agora inéditas.

O catedrático de Música Carlos Villanueva destacou que o cancioneiro é "unha mostra do recompilado por Filgueira Valverde" sobre o traballo de Casto Sampedro e explicou que estas investigacións "deixaron abertas unha serie de posibilidades" para continuar investigando no futuro. Afirmou que, esta publicación, xunto aos cancioneiros de Torner-Bal e Gay (tamén editada pola Fundación Barrié en 1972 e reeditado en 2007) e o de Schubart-Santamarina forman "o fondo editorial peninsular máis importante" na materia.

Pola súa banda, a directora da Fundación Barrié de la Maza, Marta Rey, destacou a "achega científica" realizada por Carlos Villanueva e o seu equipo de expertos, ao tempo que homenaxeou as figuras de Casto Sampedro e Filgueira Valverde polo seu labor de "salvación" do patrimonio galego.