Jueves 09.09.2010
| Actualizado 02.03
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Ferreira, esquerda, de Pradoiro; Gacio, de ‘En clave de folk’, e J. Martínez, do Grupo Correo Gallego |
O Teatro Principal da capital galega acollerá o vindeiro venres, 14 de marzo, a gran final da novena edición do Certame de Música Folk Radio Obradoiro que, organizado polo Grupo Correo Gallego, é xa todo un referente no panorama da música folk en Galicia, como o demostra o feito de que, segundo Paulo Gacio, director e presentador do programa En clave de folk na emisora compostelán, "a cantidade e calidade das maquetas presentadas é cada vez maior, ata o punto de que pensabamos que era un certame para Galicia, pero estamos recibindo xa traballos de fóra".
Unha boa proba diso é que entre os catro seleccionados nesta ocasión, xunto a Ghaita de Pedra, de Lugo; Coanhadeira, de Ourense; Covalblú, de Pontevedra, tamén foi elixido como finalista o grupo Nemon, de Biscaia.
A presenza foránea nesta ocasión achegará, desde o punto de vista de Paulo Gacio, "aínda máis color" a un festival do que saíron formacións hoxe tan consolidadas como o dúo Daniel Bellón e Diego Maceiras, Quempallou o Xochilmica, gañadores en edicións anteriores dun certame no que, apunta Gacio, "si ao principio había moita diferenza entre os candidatos, víase con claridade quen podía ser o gañador, agora resulta verdadeiramente difícil escoller os catro finalistas porque se preparan moito". Un aspecto no que tamén coincidiu onte, na rolda de prensa na que se deron a coñocer os finalistas, José Antonio Ferreira Lence, un dos integrantes de Pradoiro, o grupo que resultou gañador na edición do ano pasado, e que asegurou que "hoxe cada vez a xente está máis preparada, e aínda que os grupos produzan os seus discos, seguen a prepararse".
Ferreira Lence destacou a importancia de certames como o de Radio Obradoiro para os grupos, xa que considerou que "todo o mundo pasou por eles, incluídos Budiño ou Carlos Núñez; todos pasaron por concursos que lles serviron como experiencia e para que o seu traballo puidera ter gran repercusión nos medios de comunicación".O certame, por outra parte, conta con importantes apoios para a súa celebración, entre eles o da Consellería de Cultura e Deporte, a Concellería de Cultura do Concello de Santiago, e os estudos Phonos.
Xurado
O xurado encargado de decidir quen será o gañador de entre os catro finalistas estará formado por un grupo de profesionais do sector, que tomarán a súa decisión tras as actuacións de cada un dos catro aspirantes. Unhas actuacións que, por outra parte, poderán gozar en directo os seguidores que se acerquen ao Teatro Principal o vindeiro 14 de marzo, a partir das 21.30 horas. A entrada do público é totalmente gratuíta.
O premio
O gañador terá como premio a gravación dun disco, que logo poderá comercializar posto que se lle dará un elevado número de copias do mesmo. Ademais, conservará todos os dereitos do traballo discográfico.
Contido de 'Aliaxe'
A cita do Principal servirá para ver a posta en escena dalgúns dos temas do primer CD de Pradoiro, Aliaxe. Un disco con temas só de pandereteiras ou só instrumentais, e no que hai cabida ata para "unha medio muiñeira acabada en rock and roll", segundo José Antonio Ferreira (gaita, voz e bombo), quen con Ana Belén Ferreira (pandeireta e voz), Carlos Mosquera (gaita e voz), Esteban Lamas (acordeón), Alejandra Golán (pandeireta e voz), Mª de los Ángeles Ferreira (pandeireta e voz), Nuria Golán (pandeireta e voz), Ricardo González (Tamboril e bombo), e Roberto Rama (gaita e saxo), compoñen Pradoiro.
Árbore típica
A portada do CD de Pradoiro é unha folla da árbore que lle dá nome ao grupo, típica en Ourense .
Pradairo presentou o seu disco 'Aliaxe'
Ferreira Lence anunciou onte que para a vindeira semana estará xa no mercado o CD Aliaxe, que Pradairo gravou tras gañar a edición pasada do certame. Un disco que, con trece temas, definiu como unha mestizaxe de músicas dentro do folk .