Miércoles 03.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Javier Riera, esquerda, Rosa Mª García, Emilio Pérez Touriño e Marisol López na xornada de onte FOTO: Ramón Escuredo |
O "firme compromiso" de Microsoft -o xigante informático representado onte en Compostela pola presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa María García e polo director de Sector Público da compañía en España, o compostelán Joaquína Potel-, "co respecto á diversidade cultural" é un dos eixes dunha iniciativa que contou co apoio da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, INEO e empresas patrocinadoras como Dell, HP e Inves.
O reto das novas tecnoloxías, a necesidade de simplificar e ampliar o acceso a estas -así como a importancia de darlle resposta á especificidade da demanda no mercado global- estiveron onte presentes en todas as intervencións técnicas coas que contou a xornada. Tanto Windows Vista como Office 2007 poden descargarse desde a páxina www.microsoft.es/gal, encabezada polo lema de difusión Faille un clic ao galego. Na tarde de onte, a esta web rexistraba xa máis de duascentas descargas.
Doutra banda, e segundo sinalaron Jaime Nistal, directivo de Dell, e David Mosquera, director comercial de HP Galicia, a preinstalación dos novos produtos en galego será unha realidade a partir deste mes nas computadoras que saian de fábrica.
Jorge Cebreiros, presidente de INEO, unha sociedade de pemes tecnolóxicas galegas nada ao abeiro da Zona Franca viguesa, referiuse durante a súa intervención á importancia do idioma nas tecnoloxías da información e do "avance que para a normalización da nosa lingua" supón a presentación onte das librerías de galego destes sistemas operativos.
Tanto o presidente da Xunta de Galicia, Pérez Touriño, como a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, abondaron nesa importancia que, para a normalización da lingua, ten a presenza do idioma no horizonte das tecnoloxías da información.
"Non houbo nin haberá conflito lingüístico"
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, descartou onte que exista en Galicia risco dun conflito lingüístico e avogou por implementar accións que, a medio prazo, conduzan "á equiparación de oportunidades e a presenza social" entre o galego e o castelán "sen imposicións de ningún tipo e co máximo respecto pleno e total ás opcións lingüísticas dos cidadáns".
Touriño lamentou que o consenso social en torno á lingua existente durante todo o período democrático se vise "enturbado" nos últimos meses por "actitudes cicateiras" e, fronte a iso, manifestou o seu desexo de que as urnas "movan a reflexión aos que decidiron romper, sen ningún argumento de peso, o consenso político sobre o galego". Touriño criticou as actitudes que romperon o consenso sobre a linguas, en clara alusión ao PP, e concluíu que "non lle reportaron aos seus responsables ningún rédito electoral", polo que esperou que reflexionen tras o resultado dos comicios .
Un futuro cifrado nas novas tecnoloxías
Marisol López sinalou que "o futuro das linguas ten nas novas tecnoloxías un novo factor para medir a súa vitalidade e a súa saúde". Expuxo tamén a súa defensa do plurilingüismo fronte a discursos sociais de "desconfianza" .