El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

os outros días

ALFREDO CONDE

Percebeiro e seis ou sete cousas máis

02.07.2008 
A- A+

Volvín entrar no blog de Suso Lista. Había ben tempo que non o facía. Nun deses sustos que adoitan dar os ordernadores ou noutro causado polos SPAM, quén sabe se nunha suba da tensión eléctrica, desas que padecemos os aldeáns, en fin, nunha desas, esborrallóuseme o link e deica hoxe mesmo. Eu mo perdín. Suso é un mestre do relato, da narración curta, cortada a navalla. Poucos coma el, ningún en Galicia, por suposto. O único xeito posible de lelo é achegándose a el pola Internet. Xa saben www.susolista.blogspot.com. Eu acabo de facelo. Cóntolles. Este ano Santiago Lamas obtivo o Fernández del Riego cun artigo sobre os ventos. Falaba deles, de Conrad e máis de Cunqueiro. Era un artigo magnífico. Se este mundo fóra xusto, se o relato que acabo de ler no blog do Suso o lera nas páxinas dun xornal impreso e se o Suso o presentara ó premio, eu, que son membro do xurado, votariao. Así, cun par. Pasa algo? Ah, o relato-artigo-narración-todo fala do nordés. Entren e léano.

Lamas é psiquiatra eminente, intelectual dunha peza, ensaista como non hai dous neste país noso. Suso Lista é percebeiro e seis ou sete cousas máis. A mín antóllaseme, que a Suso sucédelle como me leva sucedido a mín. Tamén fun moitas cousas pra poder ser só o que son. Escritor. Suso éo dunha peza. Lean o seu blog.

O remediable é que Suso aínda non teña feita unha escolma dos seus relatos e que esa escolma estea publicada nunha das nosas editoriais sobranceiras que, as veces, con tantos ladrillos nos esmagan. Qué lle imos facer! Eu fago o que podo, que é dicilo eiquí, unha vez máis, como cada vez que regreso ó blog do Suso e me emociono co que conta. E non só con el, pois os seus comentaristas axudan non pouco a que imaxinación nos ferva. Un deles conta hoxe a dun can suicida que tampouco non lles ten desperdicio ningún. Visiten o blog.

Se o fan como lles digo saberán, como eu sei tamén agora que, así e todo, Suso Lista ten algo abandoado o choio literario, según el mesmo recoñece. O tempo vaiselle en saír de marcha e durmir acompañado. Sorte a súa. Terei que ir deica Corme procurar que me dea a receita, non da marcha, que xa estou afeito a marchar só, senón de cómo durmir acompañado, poisque non a todo se habitúa un e, a verdade, millor así poisque onde menos se pensa chouta a lebre, levanta o voo unha perdiz ou cae na nasa unha lagosta. Tamén a que me diga de ónde sacou as fotos que amosa estes días, a da proa cuberta polo mar, a amura de estribor batida por unha vaga inorme, as da forza enteira e cabal que ten o mar. Non as vi así dende que facía a ruta do Atlántico Norde navegando entre New York e a Coruña, no inverno, por riba da L42ºN. Hai xa cen anos delo.

ac@alfredoconde.com