El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ agora xa foi }

VICENTE ARAGUAS

Os contos dun médico

25.09.2011 
A- A+

Este señor, médico e escritor, aparecera na miña vida coa meirande discreción, chisteira de mago na táboa, luvas de seda para mans de ferro, golpe de efecto e -zas- un pombo que alá vai no aire da noite santiaguesa. Un pombo, ¡un Pombo!, Manuel Pombo Arias, desenguedallando unha introducción valente e comprometida porque este señor era quen presentaba o mítico recital de quen axiña serían Voces Ceibes no Paraninfo da Facultade de Medicina, 26 de abril de 1968, e xa choveu e aínda quedan pucharcas entre das laxes. E de tal día fixeron moitos anos, con Pombo -cando volvín atopalo- mudado en escritor brillante, imaxinativo, con fulgores e brisas (como en Aldecoa), epigramista e narrador, viaxeiro e quen de artellar libros de imaxes e cores, con predilección pola foguetería, xa sexa haiku, "pombería", relato breve ou case cada vez que este catedrático en Santiago e endocrinólogo recoñecido e recoñecible apaña a pluma, como un bisturí ou a mítica pa de Seamus Heaney, outro que como Manuel Pombo ven do campo. De Mossbawn o Heaney, de Santa María da Pena (Sarria) o Pombo. De quen leo agora Cuentos propios y extraños (Ézaro Ediciones, Madrid 2011), desde certas seguridades, en absoluto dictadas por razón amistosas (teño moitos amigos desastriños á hora da pluma, algún inimigo espléndido nestes trances) senón da posible obxectividade, senón calemos e tomemos asentos nunha batalla de flores ou de palanganeiros nun "meublé". E como non pretendo tal direi que estamos diante dun libro, fermosamente maquetado, o que algo axuda, de relatos verídicos ou que ben poideran. Ou sexa, que neste libro (que tanto provoca a un lector rigoroso como é Luis María Anson) imos bater co mundo tal como é, (re)visitado por Pombo, viaxeiro "comme il faut", ou a se inventar de novo con historias cotiás ou case, con predilección pola xente absurda que poboamos este mundo. Co seu aquel poético mais non tanto como para que Pombo se confunda de terreo. Tan comodísimo para el cando se introduce pola chaminé que leva ao lar ricaz do microrrelato. E aquí Manuel Pombo estoupa en cacharelas sabidas e sabedoras. Pombo, desta volta prologado por Alfredo Conde, é "moito máis que un médico que escribe". Volvo dicilo.