El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

Louzán presenta hoxe en Buenos Aires unha mostra coas obras da 29 Bienal de Pontevedra

08.03.2007 
A- A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presenta hoxe, xoves, no Centro Cultural de la Recoleta, en Buenos Aires, unha mostra conformada polas obras dos artistas arxentinos, chilenos e uruguayos que participaron na 29 Bienal de Pontevedra , celebrada no Museo Provincial de Pontevedra o pasado mes de agosto.

Esta reedición da Bienal de Pontevedra en Buenos Aires non suporá coste algún para a institución provincial pois está financiada pola Fundación Mapfre. No acto inaugural participarán, ademais do presidente da Deputación de Pontevedra, o director do Museo, Carlos Valle, a comisaria da exposición Victoria Noorthon e a Ministra de Cultura arxentina.

Na súa viaxe, Louzán asinará mañá, venres, un convenio cós presidentes de nove centros de emigrantes pontevedreses en Buenos Aires _os de A Estrada, Lalín, Mos, Ponteareas, Ribadumia, Tui-Salceda, Arantei-Villamarín Perojano, Val Miñor e Residentes de Vigo_ para dotar as súas instalacións de tecnoloxía informática, ordenadores e acceso a Internet.

En Montevideo, Louzán mantén diversas reunións cos centros emigrantes _Centro Pontevedrés, Val Miñor, Hijos de Morgadáns, Campo Lameiro e Hogar Español de Socorros Mutuos_ e será nomeado visitante ilustre da cidade de Montevideo trala súa entrevista có alcalde montevideano (intendente), Ricardo Erlich.

O presidente da Deputación, trala viaxe que emprendeu na noite do mércores, regresará ó seu despacho o vindeiro martes.