Martes 09.02.2010
|
Actualizado 18.30
Hemeroteca web
|
RSS
Santiago conta desde hoxe cunha nova biblioteca pública, cos equipamentos e servizos acordes coa importancia da cidade. A Biblioteca Ánxel Casal inaugurarase esta tarde, e desde mañá ofrecerá aos compostelanos unha biblioteca modélica en canto aos seus contidos, os avances tecnolóxicos e as actividades que se desenvolverán nos seus espazos.
No acto de inauguración participará a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; xunto co ministro en funcións, César Antonio Molina; o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. O acto estará acompañado da voz e a música de Rosa Cedrón. A biblioteca abrirá as súas portas ao público mañá sábado ás 10 da mañá, con todos os servizos funcionando, exposicións e actividades para o público infantil.
Empréstito por radiofrecuencia
A Consellaría de Cultura e Deporte xestiona este novo centro, no que traballan trinta e sete persoas baixo a dirección de Daniel Buján. Incorpórase á rede de bibliotecas nodais de Galicia, no que polo seu equipamento, fondos e tecnoloxía ocupa un lugar destacado. A Consellaría investíu xa 500.000 euros na dotación dos 60.000 volumes cos que abre o centro.
A Biblioteca Ánxel Casal será pioneira en todo o Estado en implantar un servizo de empréstito automático mediante radiofrecuencia, un novidoso sistema tecnolóxico que evita os roubos e facilita o empréstito. Cada libro conta cunha tarxeta con radiofrecuencia. O usuario só ten que pasar por un lector o libro e o seu carné de usuario e xa pode levar o volume para casa.
A nova Biblioteca Pública Ánxel Casal dá resposta a unha necesidade de Santiago. Substitúe a antiga Biblioteca Pública, situada na praza de Salvador Parga desde 1955 e que por superficie e equipamento resultaba insuficiente. O novo edificio érguese na Avenida Xoán XXIII. É obra do arquitecto Andrés Perea Ortega, que deseñou unha construción polivalente e funcional, cun coidado deseño estético no que sobresae a impoñente fachada acristalada. Ten unha superficie útil de máis de 5.800 metros cadrados, distribuída en soto, planta baixa e catro andares.
Múltiples servizos
A biblioteca abre con arredor de 60.000 volumes en acceso directo, que inclúen fondos impresos (libros, revistas e comics) audiovisuais (cine, documentais e música) e biblioteca electrónica, con posibilidade de acceso a Internet e a todo tipo de recursos virtuais, incluso desde a casa. Os diferentes servizos da biblioteca organízanse en catro niveis, que van da planta baixa ao terceiro andar.
Na planta baixa sitúanse a sala multimedia, a hemeroteca, a bedeteca e o salón de actos. A sala multimedia, conta con 50 postos de acceso a Internet, que se completan con rede wifi de acceso inarámico á que se poden conectar os usuarios desde calquera punto do edificio. A hemeroteca inclúe prensa diaria e publicacións especializadas, galegas, estatais e internacionais, acceso a boletíns oficiais e revistas de información, culturais, técnicas, científicas, etcétera. A bedeteca está composta por unha ampla colección de 3.000 exemplares de banda deseñada con todos os xéneros, cunha presenza especial de cómic galego, con máis de 300 volumes, e tamén cómic americano, europeo e manga xaponés. Na planta baixa encóntrase tamén o salón de actos e exposicións, no que se celebrarán actividades de extensión bibliotecaria.
O primeiro andar está dedicado ao público infantil: aquí atópanse os fondos destinados a nenos e nenas de entre os 0 e os 14 anos, e acollerá actividades adaptadas a estas idades.
O segundo andar acolle os fondos destinados ao empréstito a domicilio. O fondo xeral inclúe libros de todas as materias, tanto de ficción como de non ficción. E o fondo audiovisual iníciase con máis de 800 discos de música (clásica, jazz, étnica e moderna), máis de 1.100 dvds (cine clásico, independente, galego e documentais) e programas de ordenador.
No terceiro andar atópase a sección de consulta e investigación, ademais do fondo local. A sala de consulta conta con 162 postos de lectura e o acceso a unha importante colección internacional de obras de referencia: dicionarios e enciclopedias xerais e especializadas, manuais, anuarios, directorios, atlas, etcétera. Tamén se reserva unha sala para os investigadores e para o traballo en grupo. Por último, situarase neste andar o fondo local, no que se están incorporando os primeiros volumes dunha sección que incluirá unha ampla selección de bibliografía referida á cidade de Santiago.
Ademais dos servizos cun espazo físico, a Ánxel Casal conta cunha biblioteca electrónica que se pode consultar a través de Internet desde calquera domicilio. Inclúe unha escolma de recursos multimedia (enciclopedias xerais e temáticas, hemerotecas, recursos educativos, etcétera) accesibles desde calquera ordenador, co único requisito de ser usuario dalguna das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Primeiras actividades
Ademais dun espazo para o libro e a lectura, a Biblioteca Ánxel Casal quere ser un referente cultural en Santiago, no que o achegamento á lectura se faga dunha maneira activa. Boa parte destas actividades estarán destinadas ao público infantil. Todos os sábados pola mañá realizaranse actividades de animación á lectura, que se iniciarán mañá coa actuación de Títeres Cachirulo.
Tamén desde mañá poderanse ver na biblioteca dúas exposicións: unha de ilustración e outra de banda deseñada. A mostra "Apaga a luz: quero medo", foi creada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e reúne a 20 ilustradores e 20 escritores có obxectivo de amosarnos a súa visión sobre "o medo". A segunda exposición é "As bases da banda", creada pola Asociación Cultural BD Banda para achegarse á historia do cómic e amosar os traballos dos autores galegos, que están vivindo un momento de eclosión.
As actividades continuarán a partir da próxima semana, cando se porán en marcha obradoiros e clubes de lectura. Está previsto tamén que en próximas datas se abra a exposición de ilustración "O álbum galego: 25 miradas para unha década (1997-2007)".
Homenaxe a Ánxel Casal
A Consellaría decidiu que a nova biblioteca levase o nome de Ánxel Casal, pola súa especial significación para o libro e a cultura galega e para a cidade de Santiago. O Casal naceu na Coruña en 1895, emigrou a Bos Aires, e á súa volta participou de forma activa nos movementos galeguistas e republicanos.
O seu traballo como editor, impresor e libreiro é fundamental para entender o rexurdir da literatura e a cultura galega nos anos 20 e 30 do século pasado. En 1924 cofundou a Editorial Lar e en 1927 creou a Editorial Nós, da que saíron ‘A Nosa Terra’ e a ‘Revista Nós’, ademais de promover e colaborar noutros proxectos editoriais republicanos, galeguistas e sindicalistas daqueles anos.
Militante do Partido Galeguista, foi alcalde de Santiago de Compostela desde febreiro de 1936 ata xullo dese ano. En agosto foi detido e logo asasinado polas forzas golpistas. O seu corpo apareceu nun foxo en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto.
A entrada á Bilbioteca e o acceso á maior parte dos fondos e servizos é libre e gratuíta. Sen embargo existe a posibilidade de contar con carné de usuario, que permite utilizar os servizos da biblioteca que requiren identificación, coma o servizo de empréstito e o acceso a internet.
Horarios e carné de usuario
A nova biblioteca terá un horario continuado de luns a venres de 8:30 a 21:00 horas. Os sábados abrirá de 10:00 a 14:00 horas. Desde mañá iniciarase o proceso para dotar de carnés de usuario a todos os interesados. Para iso só hai que cumprimentar unha solicitude, na que figurarán os datos persoais e o compromiso do usuario de respectar as normas da biblioteca. Para recollelo é necesario mostrar o documento de identidade ou o pasaporte e achegar unha foto. Os menores de 14 necesitan a autorización dunha persoa adulta (pai, nai ou titor).
Este carné é ademais válido para as bibliotecas públicas nodais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo e a Biblioteca Municipal de Ferrol, e todas as bibliotecas de Arquivos e Museos e a do o Consello da Cultura Galega.
Aposta polas bibliotecas
A apertura da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela encádrase na liña da Consellaría de Cultura e Deporte de converter as bibliotecas galegas en centros culturais integrais. Para conseguir estes espazos o departamento que dirixe Ánxela Bugallo destinou máis de 4 millóns de euros á dotación de fondos, formación de persoal, equipamento, promoción da lectura e informatización dos centros.
Paralelamente desenvólvese o Plan da Lectura que recolle diversas estratexias de apoio ás bibliotecas e que conta cun orzamento de 50 millóns de euros até o ano 2011. Este programa determina o camiño a seguir para incrementar o hábito da lectura e estabilizar aos actores do sector galego, desde libreiros a bibliotecas ou editores.