Domingo 05.09.2010
| Actualizado 20.49
Hemeroteca web
|
RSS
George Steiner, que aos oitenta anos escandaliza os colegas coas experiencias sexuais en El libro que nunca he escrito -unha defensa, por outro lado das linguas minoritarias-, filósofo, ensaísta e premio Príncipe de Asturias de 2001, concede unha entrevista a El País Semanal do pasado domingo. Intereseime por ela e, xa mediada, invitoume a retiralo dos meus pensadores favoritos.
Todo foi a partir da pasaxe na que o filósofo expresa que lle dixeron que hai unha universidade en España na que é obrigatorio falar galego. "Igual que é obrigatorio en Cataluña compartir o catalán co castelán", aponlle o entrevistador. E el responde: "¡Pero non me compare o catalán co galego! O catalán é un idioma importante, cunha literatura impresionante. Pero o galego, ¿por que ha ser obrigatorio nunha universidade?".
Steiner ten, xa que logo, unha lagoa intelectual que o empuxa a negar aspectos obxectivos e innegables da lingua de Galicia, como é a súa gran literatura. Porque non foron fume o monumento poético das Cantigas Medievais, algunhas mesmo compostas polo rei Alfonso O Sabio de Castela; Follas novas e Aires da miña terra, de Rosalía e Curros, respectivamente, libros amados por Juan Ramón Jiménez que tentou traducir o primeiro e introduce un poema do segundo nun capítulo de Platero y yo; A esmorga de Eduardo Blanco Amor, levada ao cinema... Nin os contemporáneos que están a escribir -segundo as palabras do poeta Antonio Gamoneda- a poesía máis interesante da península Ibérica.
Verbo da condición da lingua sustentadora desa literatura e da súa capacidade para vehículo de expresión dos contidos que poden estudarse na Universidade, adeus ás cátedras instaladas no país e noutras instucións do mundo. E supoño que tamén será nula a Real Academia Galega e os discursos de ingreso dos académicos. E o labor cultural e científico do Consello da Cultura Galega. E as gramáticas e os dicionarios intralingua e interlinguas... ¡É ben certo que o mellor escribano bota un borranchón!
Tamén sostén Steiner na entrevista que "aprender un idioma novo é un privilexio incrible, aínda que a maioría das persoas non estean de acordo". Se eu tivese responsabilidade institucional na defensa desta lingua, regalaríalle un curso sobre ela e invitaríao formalmente a vila practicar á nosa Universidade.