El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

os outros días

Jorge Rey ou a excelencia artística

ALFREDO CONDE  | 01.10.2008 
A- A+

Souben de Jorge Rey, hai anos, por culpa dunha peciña de teatro de títeres. A peciña escribiraa eu e representóuna el. Non a esquencerei mentres viva. Jorge creou os bonecos, déulles vida, fíxolles habitar unha xeografía e transportóunos a todos a outra e distante, cal é a da nenez, na que habitamos uns instantes cheos de prodixios e de ríos de papel de prata, ceos estrelecidos e lagoas cheas de cidades. Logo a obriña premiárona en Italia. Como case sempre. Despois daquela experiencia e gracias a Jorge souben de momentos de maxia que endexamais sospeitara posibles. Vin coma un boneco de gignol, manexado por un chinés, cargaba un arco cunha frecha, disparabaa e facíaa describir unha traxectoria parabólica. Coñecín ós irmans de Ánima Sonho e chorei a morte dun deles. En fin, gracias a Jorge Rey eu e máis o resto dos galegos que seguimos o seu quefacer, ese que xa non conta co espazo do Cine Yago compostelán, unha lástima, poidemos habitar momentos cheos de delicadeza e plenitude artística.

Agora acabo de regresar da estrea do seu texto teatral titulado Frida. Había tempo que non contemplaba no teatro galego un texto tan ben construido e unha interpretación tan cabal como a que nos ofrecen os intérpretes do discurso que recrea o fluir vital da mexicana Frida Kahlo. Alfredo Padilla da vida no esceario a varios personaxes dende unha contención e unha mestría inhabituais na nosa escea, e Manuela Varela fai crible e próxima a figura de Frida Khalo nunha medida que chega a resultar cautivadora.

Cunha economía de medios importante o feito escénico resulta fermoso e cheo de luminosidade. Non son, pois, necesarios os grandes orzamentos públicos aplicados ó teatro pra que se produza a excelencia artística. Abonda coa intelixencia creadora posta ó seu servizo, cun concreto dominio do oficio de actor como o que amosa e transmite Alfredo Padilla e o encanto interpretativo e persoal de Manuela Varela. O resto é imaxinación e aquelo que antes se chamaba bo gusto. Tamén un texto, en apariencia fácil, que resuma a escenificación dunha vida que non o foi en absoluto e cuxa contemplación provoca a pregunta clave. Cómo reacionará ante el unha persoa que descoñeza a vida e maila obra da gran figura mexicana? Pois deixándose levar polas sensacións producidas pola metalinguaxe escénica alleas por completo ós guiños intelectuais propios do caso. Aqueles que ós máis lidos e sabidos da tribo lles fará sorrir amosando un dente cairo medio retorcido mentres que, cun sorriso escéptico, ufanarán comentarios do corte de "isto xa se vía vir, pois éche cousa ben sabida" ou "Diego Rivera pesaba unha cantas arrobas máis das que eiquí se amosan", pero se vostedes andan por onde estean a representar Frida, vaian vela, pagará a pena.

ac@alfredoconde.com