El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 El Correo 2

EDICIÓNS POÉTICAS SINGULARES

Ourivería do libro artesanal

Vivimos tempos de vertixe. Todo e seriado, ultrarrápido, funxible, intercambiable. O mundo do libro está a mudar aceleradamente: e-books, cedés interactivos, audiotextos, ciberliteratura, creacións para sms... ¿Hay lugar nesta espiral tecnocultural para a arte en papel, para o volume singular, para a tradición do libro artesanal?

ARMANDO REQUEIXO  | 05.05.2006 
A- A+

A.R.
Texto autografado de Baldo Ramos para ‘37 poemas por man propia’
FOTO: A.R.

Existen, sen dúbida, illas. Hai espazos para o labor delicado na edición, para a ourivería tipográfica, ilustradora, encadernadora. Son trevos contados, estrelas fugaces, cometas de inusual e lonxincua translación.
En Galicia a edición singular, o libro de artista, o volume artesán leva andado moito e moi vizoso camiño dende os 70-80 do pasado século ata os nosos días. Aos, no seu tempo, avanzados Poemas caligráficos de Novoneyra ou as varias obras poético-pictóricas con textos de Ferrín e debuxos de Lodeiro, Carpo, Facal ou Leiro, ás carpetas recicladas e de manuscrito xerocopiado das Edicións do Dragón nos 90 e mais as apostas de libros encarte, de estoxos tarxetonados de Rodríguez Fer, seguirían nestes anos as criaturas textovisuais de Baldo Ramos, Anxo Pastor, Lois Gil Magariños, Pedro Gonçalves ou Ana Pillado e aínda achegas puntuais de Xosé María Álvarez Cáccamo ou Olga Novo, entre outros.

A Poesía ten corporeizado neles nas máis sorprendentes metamorfoses: composicións escritas sobre abanos, en puntos de lectura, poemas visuais, fotopoemas. A propia materialidade dos volumes adquiriu por veces un protagonismo parello ao da propia verba, xogando coa calidade dos papeis empregados, co cosido ou estampas utilizados, coas (sobre)cubertas, coas tintaxes, e todo centrifugado polo motor da imaxinación, entremesturando celulosa, metais, teas, coiros, líquidos da máis diversa fasquía e procedencia.
Pois ben, nesta escala ascendente de virtuosismo editor ve luz 37 poemas por man propia, composto baixo o selo da Colección Bourel polas expertas mans de Antonio Piñeiro, escritor e facedor de libros que ocupa as súas horas como docente nun instituto da súa Ribeira natal.
Con estes vimes non é de estrañar que o tamén ribeirense e Presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, escribise no prólogo ao volume que o editor da obra é un delicioso “visionario” da bibliofilia e que “se hoxe houbese milagres diriamos que estamos ante un feito sobrenatural, pero o único milagre é a capacidade creativa, a paixón e o exquisito gusto de Antonio Piñeiro”.

Reunir nun libro a obra de case unha corentena de poetas de distintas xeracións, conseguir que todos eles manuscribisen un seu texto para cada un dos cen exemplares e que, en moitos casos, mesmo os ilustrasen diferenciadamente, compor logo todo acompañándoo coa transcrición tipografada deses textos e montalo, coselo e engomalo manualmente, numerando tamén de propio puño cada exemplar e asinándoo o editor é, dende logo, senón un milagre si cando menos unha heroicidade nos tempos que corren.
Nacen estes 37 poemas por man propia co sino certo de se constituír nunha edición de coleccionista, nunha xema bibliográfica que, xa hoxe pero aínda máis co paso do tempo, se verá como unha excepcional aventura literaria que conseguiu reunir baixo un mesmo teito de papel as letras, grafismos e debuxos de poetas dos oitenta como Xosé María Álvarez Cáccamo ou Xulio López Valcárcel, de veteranos como S. García-Bodaño ou Xosé Vázquez Pintor, de autores novos como Eduardo Estévez, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Baldo Ramos ou María do Cebreiro, e aínda doutros creadores como Antón Riveiro Coello, Manuel Seixas, Sechu Sende ou Eva Veiga, entre outros.

Na tan breve coma lúcida introdución á obra Piñeiro declara que: “O poeta, pola súa banda, non é somentes un artellador de ficcións. Quere ter unha linguaxe propia coa que buscar, conversar coa realidade. Por iso ten unha certa tendencia a tocar, a palpar as cousas, a respirar a súa textura. O poeta é sempre un ser sensual. Non lle chega co entendible. Mira, saborea, achega, vive, toca. Sobre todo toca. Métese nas cousas. Arríscase, incluso, a morrer un pouco con elas”. E engado eu: o poeta e o lector sensible, o visitador atento de rarezas bibliográficas que ha de descubrir nestes 37 poemas por man propia unha pequena catedral lírica que asombra tanto pola beleza das imaxes verboicónicas que encerra coma pola arquitectura mesma que as acolle.