El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Lecer

UGIA PEDREIRA, VOZ DE MARFUL

“Rafa Cuíña e Martiño Noriega son dous cachondos mentais”

Unha das bandas galegas máis innovadora e surrealista que pariu esta terra presentou o xoves pasado na Coruña o seu segundo disco, ‘Manual de sedución’, un traballo fermoso sen igual á vez que complexo, cheo de microdetalles, que require de ser escoitado con calma varias veces e que anima ó baile como xeito fundamental de relación entre as persoas

ROSABEL CANDAL FOTOS: G.H. E O PASTOR  | 19.09.2010 
A- A+

A súa calidade musical fala por si soa e de feito, así o recoñecen a inmesa maioría da xente da profesión e do público, o cal, non sempre é doado. Hai catro anos devolvéronlle a Galicia as melodías e ritmos que nos anos 20 e 30 invadiran os salóns de baile, cuns arranxos coidados e unha posta en escena irreverente a través do seu primeiro disco que chamaron da mesma maneira que o propio grupo: Marful. As críticas dixeron que se trataba do mellor que lle pasara á música galega nos últimos dez anos.

Esta semana,Ugia Pedreira –voz–, Marcos Teira –guitarras flamencas, acústica, eléctrica, manouche, tres cubano, cavaquinho–, Pedro Pascual, -acordeón diatónico, accordina, mandolina, banjola- e Pablo Pascual –clarinete, clarinete baixo, clarinete contrabaixo, clarinete Albert en Sol– volveron xuntos ós escenarios. Fixérono no Teatro Colón da Coruña, para presentar o seu novo traballo, Manual de sedución, gravado entre outubro de 2009 e maio de 2010.

Traen un disco luminoso, exuberante, viaxeiro, lisérsico, onírico entre o espazo e o tempo. Desde as tabernas dos portos até os xardíns románticos, desde os cinemas vellos até as grandes extensións de vides, do superficial ao profundo sen acritude, do corrosivo ao naif sen permiso. Marful déixase seducir pola música popular galega, pola música italiana da Orquestra Strappini, polas amizades e as constantes viaxes a Cuba e A Brasil. E pérdense nas voltas da música ambulante, das variettés e das piscadelas ao music-hall. O resultado é un son club, vintage e cool co carimbo do realismo máxico galego cheo de tópicos galego-portugueses e cargado de retranca.

Hai varios meses presentaron o seu primeiro videoclip e deron a coñecer Pasodoble universal un dos temas do novo disco. A proba causou furor. Ademais de pola música, porque nel participaban bailando o sempre amable alcalde de Teo, Martiño Noriega, e o galeguista Rafa Cuíña, dous homes que poderían pisar forte na política futura deste país que se debate entre que ser ou cara a onde ir. No disco tamén colaboran grandes nomes da música como Germán Díaz, José Manuel Díaz, Quim Farinha, Paulo Gacio, Diego Galaz, David Herrington, Xacobe Martínez, Luis Alberto Rodríguez Legido, Alejandro Vargas, Alfredo Rodríguez ou Nemesio de Manzaneda, e está apadriñado por Xurxo Souto. Todos son grandes amigos e todos recoñecen que Marful é algo máis que un grupo galego calquera. O proxecto máis importante de Ugía, onde se pode ver, efectivamente, tal e como é, de arriba abaixo.

Cóntame, a quen queredes seducir con este disco?

Nos para facelo tivemos que seducirnos durante catro anos e manter unha relación duradeira, o que quere dicir que leva moita paciencia e moita tenacidade. É tamén unha sedución co público, desde o principio ata a fin, onde non hai ningún medo para exhibir as emocións e onde damos pé a facer mil e unha preguntas, a dicir pero non dicir. A sedución, por un lado é evidente e por outro non, todo o contrario, misteriosa, digamos que o yin e o yang, como a portada do noso disco, que é misteriosa e máxica, ten un punto de traballo coas mans e coa maxia e a foto que representa o cartaz e onde estamos os membros é a evidencia pura do realismo máxico galego.

 

Este é un disco surrealista...

Si, porque é un movemento no que nos identificamos, tanto co surrealismo galego de Granell e outros como co movemento xeral europeo. Á parte, tres das persoas do disco, concretamente o deseñador, o fotógrafo é unha das persoas que fixo a letra da canción Manual de Seduçao son patafísicos convencidos, están dentro desta corrente do surrealismo que é a patafísica.

Si, porque é un movemento no que nos identificamos, tanto co surrealismo galego de Granell e outros como co movemento xeral europeo. Á parte, tres das persoas do disco, concretamente o deseñador, o fotógrafo é unha das persoas que fixo a letra da canción son patafísicos convencidos, están dentro desta corrente do surrealismo que é a patafísica.

 

Neste traballo mestúranse de novo diferentes estilos musicais e influencias de moitos países. Non obstante, todo encaixa á perfección como música galega...

Si, é que a música galega é a música feita polos galegos e as músicas que son capaces de transformar os galegos. Digamos que as formas están aí para malealas, para modelalas. A música galega son tamén todas as influencias que foi recibindo pola emigración e outro tipo de motivos. Os galegos, como os brasileiros, somos quen de converter a música en nosa e ese é un auténtico valor da xente que se dedica a crear aquí e desde aquí.

 

Chegouse a falar no anterior traballo de que Marful reinventaba o folk galego. Velo así?

Marful transforma e nós facemos o que sentimos e o que nos dan as nosas capacidades. O que pasa é que nós levamos moitos anos dentro da música, vendo distintas solucións posibles e aplicando técnicas e leis que quizais ás veces son un pouco excepcionais. Levamos moitos anos nisto, moitos pasamos polo jazz, polo rock, polo flamenco, e deixámonos levar un pouco por todas as experiencias pasadas. Aí saíu un son que é moi avalado por determinados músicos, nós sentímonos moi queridos pola xente da nosa profesión, pero moito ademais, queridos, apoiados, axudados, respectados...

 

E a parte de ser un traballo moi querido é un disco e unha
música moito para bailar, algo que agora xa non se fai tanto...
Non, non se estila o de bailar e iso é unha pena porque o que se está é negando unha comunicación entre os corpos, estase perdendo moita información para comunicarte coa xente. Cada vez máis creo que é unha petición que na noite poidas, 
ademais de tomar unhas copas, relacionarte corporalmente bailando con alguén todo tipo de ritmos, non ten por que ser soamente ‘dance’. Na xente da miña xeración, de trinta e pico, é un tema que está vixente e que se bota de menos.

 

Ou sexa que seguides con ese espírito dos salóns de baile antigos...

Pedro Pascual, Marcos Teira, Pablo Pascual e Ugia Pedreira, nunha das imaxes promocionais do novo disco

Non, co espírito dos salóns de baile non seguimos (Risas). Quero dicir, nós abrímolos e tamén os fechamos, aínda que o olor está aí.

 

Catro anos agardando por este disco. O primeiro traballo de Marful sorprendera moitísimo e este non queda atrás. Que evolución hai entre un e outro?

Hai a evolución de catro anos con moitas vivencias, catro anos de moitas viaxes, lugares nos que estivemos tocando ou facendo outras cousas, como Brasil e Cuba, e xente que foches coñecendo no camiño e que che foi facendo cambiar de opinión e cambiar a túa visión da música. Digamos que o resultado é un disco máis complexo, para ser escoitado con calma varias veces. Está cheo de microdetalles, é case microfundista.

 

O videoclip de ‘Pasodoble Universal’ non deixou indeferente a ninguén. Quen baila mellor, Rafa Cuíña ou Martiño Noriega?

Home, eu non creo que baile mal nin o un nin o outro! Móvense de maneira diferente, digamos que depende das horas. Creo que pasa como neste disco Manual de sedución, nós non temos a bariña máxica de nada, só propoñemos unha serie de solucións imaxinarias e os dous saben moverse ben e ademais son dous grandes sedutores.

Home, eu non creo que baile mal nin o un nin o outro! Móvense de maneira diferente, digamos que depende das horas. Creo que pasa como neste disco , nós non temos a bariña máxica de nada, só propoñemos unha serie de solucións imaxinarias e os dous saben moverse ben e ademais son dous grandes sedutores.

 

Por que os elexístedes a eles?

Por amigos.

 

Comentábame Martiño un día que el é moi vergonzoso e lle deu moito pau facelo...

Si, pero tamén foi atrevido. Aí está o tema, hai unha liña fina entre mostrarse ou non mostrarse. Eles están no vídeo como están os colaboradores no noso disco. Non están só porque sexan coñecidos. Realmente, depende de a que xente chegue o videoclip, moitos non os coñecerán, pensarán que son uns señores calquera. Pero son dous grandes amigos e ademais son dous grandes cachondos mentais.

 

Ou sexa que non hai unha mensaxe subliminal en ton político neste vídeo?

É como o Manual de sedución, ves o que queres ver.

 

Marful non pasa da política.

Nós non podemos pasar da política. A política é unha representación dun espazo público. A política é un pensar representativo. A todo cidadán, en principio, eu creo que lle debe interesar o espazo público onde vive.

 

Din a maioría dos grupos galegos que este ano case non teñen actuacións malia ser Xacobeo...

O poder político sempre ten un reflexo e ten unha serie de ideoloxías musicais, culturais, etc., e iso reflíctese sempre nun grupo ou noutro, galego ou non. Pero penso que a música de calidade sempre vai triunfar e a música feita de verdade desde o corazón sempre vai triunfar. Non me interesa tanto a cantidade como a cualidade e o ir despacio, ir tranquilamente despacio desde o pequeno. Neste grupo, eu persoalmente, non me deixo cegar polas grandes masas e polas grandes masas subvencionadas menos.

 

Polo momento parece que Marful só ten unha data para a estrea do disco, na Coruña....

Imos presentar o disco en Portugal, na Casa da Música.

 

Cando será isto?

A finais de outubro. Na Casa da Música, neste emblemático edificio de Porto, nunca se presentou un disco galego, non se atrevían a darlle a confianza a ningún. Despois de dous anos e medio por fin aí estamos, porque nós temos baixado bastante a Portugal, temos feito bastantes xiras alí e é un público que adoramos.

 

Que é o que vai atopar a xente nunha actuación de Marful?

Creo que a xente se pode atopar bastante consigo mesmos. É un espectáculo no que nós daremos todo e o público creo que tamén ten o seu traballo. Haberá sempre moita improvisación e supoño que, como dicía Xurxo Souto o outro día na presentación do disco, haberá tamén ata mariscos amestrados.

 

É un gran privilexio contar con Xurxo Souto de padriño, unha das persoas que máis debe de saber de música galega...

Xurxo Souto é unha das persoas que máis sabe da miña vida musical, é un grande amigo e xa foi padriño do primeiro disco e se por min é seguirá sendo padriño dos seguintes. Vólvoo a dicir, Marful non ten colaboradores no disco nin fai as cousas por gañar publicidade, espero que a publicidade veña polas nosas cancións e non polos nomes que nos acompañen ó redor. Xurxo é unha persoa da familia, da casa, e coñécenos moi ben, sabe ben das nosas rarezas.

 

Que significa Marful dentro de toda a túa carreira musical?

Non é o meu único proxecto, pero si que é o máis importante, con dicirche que leva o apelido da familia, Marful é o segundo apelido de meu avó emigrado de Cuba, dígoche bastante. Ademais, case todas as composicións que fago ó longo do ano van dirixidas a Marful. É desde onde se me ve a min de arriba a abaixo e cos meus compañeiros gusto moito de facer a música, é un xogo moi divertido, porque case que a poesía se converte en rival da música e viceversa, temos aí unha corda que é moi interesante para a composisión.