El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Fernando Lacaci (Fanpa): “Abondaría con dúas ou tres cociñas na cidade para atender a todos os centros públicos"

As familias instan á Xunta a establecer “un modelo uniforme” en toda Galicia que elimine “os reinos de taifas” nos que se converteron os comedores

Fernando Lacaci, presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado  - FOTO: Correo TV
Fernando Lacaci, presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado - FOTO: Correo TV

E.OTERO  | 30.11.2016 
A- A+

Pagan máis, pero reciben o mesmo ou algo menos. É o que di Fernando Lacaci, portavoz da Fanpa (Federación de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado) cando xa non falta moito para pechar o primeiro trimestre do curso. Aínda que sen froitos, as familias levan anos loitando contra o modelo de cáterin nos comedores escolares. Pola contra, insisten en que dúas ou tres cociñas na cidade serían suficientes para atender aos nove colexios. En sintonía co Concello, insisten en que a competencia debería volver a mans da Xunta. O que teñen por diante non é pouco, pois de cara ao vindeiro exercicio académico o servizo segue en suspenso –o contrato con Serunión caduca en xuño de 2017- á espera de que pais e Raxoi acaden un punto de encontro.

As familias teñen que aboar este ano un 65% máis que o ano pasado, correspóndese o incremento de prezo coa calidade do servizo?

Non. A subida do prezo non vai parella a un incremento da calidade, nin do servizo, que é exactamente o mesmo ou se cabe peor. O número de nenos por monitor aumentou (a petición das Anpas para non encarecer máis o custo para as familias) e o produto está sendo case o mesmo. E deixo o case porque hai colexios que sosteñen que si mellorou algo, pero outros din que é exactamente igual.

Estanse a aplicar as melloras que recollía o prego?

As visibles si que se están aplicando (sobre todo, o cambio das vaixelas), aínda que de cando en vez hai retornos a vellas prácticas. As menos visibles van máis lentas pero vanse incorporando. De todas maneiras, haberá que agardar á primeira xuntanza a tres que teremos coa empresa e co Concello en decembro. Observamos, iso si, unha carencia que se repite: o monitorado continúa recollendo e limpando nas horas de prestación do servizo (porque baixou o rateo e queda persoal dispoñible). Aínda que moito menos, continúan facéndoo.

Cales son agora os puntos fortes/débiles do servizo?

Os mesmos que o ano pasado. O único punto forte é a seguridade da prestación. Os débiles son a calidade na alimentación, a información ás familias, a comunicación cos pais e a facturación.

Algún centro rexistra algunha demanda concreta?

Que teña que ver co contrato especificamente, non. As problemáticas dos centros teñen moito máis que ver coas infraestruturas. Levamos anos solicitando ao Concello que faga un estudo serio de dotacións e necesidades. E por serio entendemos que vaian arquitectos a todos os centros públicos e que digan como están e como deberían estar. Isto incide moito na seguridade  porque os comedores están montados, maioritariamente, en precario, en aulas non axeitadas. E os nenos saen para ir ao baño, para lavar os dentes, para que entre a segunda quenda, etc. E se un neno vai ao baño só é perigoso, pero se un monitor vai con el deixa desatendidos aos outros 17 que lle tocan.

Existía a previsión de empezar a traballar co Concello nun novo modelo de comedor para o vindeiro curso, ¿houbo xa algún contacto?

Tivemos unha xuntanza, a petición da Federación, o 16 de outubro. Espuxemos o modelo que nós queremos, escoitamos e escoitaron, e quedamos en termos outra xuntanza “nun prazo breve". Aínda estamos agardando por ela.

Cales son as pautas que, segundo as familias, ten que cumprir o servizo de comedor nos anos vindeiros? Cal é o modelo ideal?

Sendo breve:

  •  Cociña de proximidade, tanto no tempo (recén cociñada) como no espazo (feita preto do colexio) e preparada nas instalacións do centro e por persoal propio. Sendo prácticos probablemente a ubicación de dúas ou tres cociñas na cidade, nalgún centro ou en instalacións ad hoc, abondaría para atender a todos os colexios públicos. Logo habería que resolver un problema de transporte de proximidade, que non é nada imposible.
  • · Produtos de tempada e de proximidade. Comer o que hai aquí á beira, o que dá a horta neste momento, o que se pode pescar, a froita que está nas árbores, permitindo que o feito de xantar fose tamén unha maneira de comprender os ciclos da natureza. E tamén, produto que se lle compre a produtores locais. En definitiva, utilizar os comedores escolares como un recurso económico para a poboación.
  • · Cultura propia. Aquí xantamos cousas diferentes que noutros lugares, e non o facemos porque sexamos caprichosos, facémolo porque son os produtos que se producen aquí, e porque ao redor deles se foi creando unha cultura diferenzada que nos identifica, que condiciona as nosas celebracións, as nosas xuntanzas, mesmo os nosos valores. Iso teñen que aprendelo os nenos para entendérense.
  • · Implicación educativa. Os comedores non son simplemente un medio de conciliación, non só son restaurantes; son o lugar onde moitos nenos están ata dúas horas e media. Sen pretender que aprendan cousas novas porque non son clases, si que se debería, dentro do relax e do xogo, utilizar ese tempo para introducir valores, condutas, reflexións...

 

Tería que volver esta competencia a mans da Xunta?

O que ten que facer a Xunta é establecer un modelo uniforme para todo o país, eliminar os reinos de taifas nos que se converteron os comedores escolares, e igualar a todos os nenos nun modelo que aposte polos valores que antes indicaba. Que logo ese modelo se realice a través dos Concellos ou directamente dende a Xunta, non é algo que a nós nos preocupe. Sabemos que ten que ser público, que ten que ser homoxéneo, e que non pode ser entregado ás grandes empresas do sector do cáterin, senón que debe xestionarse dende a cercanía e a valoración dos extremos de nutrición, valor económico para o noso rural e aprendizaxe.

Son os comedores un piar básico para conciliar?

Os comedores escolares son un claro exemplo de consecuencia dun modelo erróneo. Á par que falamos deles, deberiamos sempre falar de dous extremos: a conciliación da vida laboral e familiar, e o valor educativo das actividades complementarias nos centros escolares.

En canto á conciliacion, o discurso formal de que debe ser a empresa quen facilite os horarios e os espazos precisos para a conciliación por parte dos pais e nais traballadores, nunca tivo un apoio específico nin das empresas nin das Administracións Públicas. É un máis deses discursos bonitos que nunca se levan a efecto porque supoñen un cambio de estruturas absolutamente arcaicas.

En canto ao valor educativo das complementarias, é hora de que as administracións tomen as rendas de todo ese montón de horas que os nosos fillos pasan nos centros escolares e que non son horario lectivo. Un neno que utilice o servizo de madrugadores está no colexio un mínimo de oito horas e media, e se logo segue pola tarde poden chegar a ser ata 11. En clase só está cinco. Ningunha administración ten regulado este tempo, nin quere participar del.