El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Manuel Dios (edil de Educación): “As empresas locais non queren levar os comedores. Séntense moi observadas”

O goberno local quere devolver a competencia á Xunta // Defende que os prezos se atopan “na media do Estado”

ELVA OTERO   | 30.11.2016 
A- A+

O edil de Educación, Manuel Dios, quere que a Xunta recupere a xestión dos comedores. “É unha competencia impropia do Concello”, critica. Desde 2012 Raxoi leva as rendas do servizo. Xunto coa de Ferrol, é a única administración local en Galicia que asume este contrato. Até entón eran as Anpas (Asociacións de Nais e Pais) as que se ocupaban do xantar e do almorzo dos nenos, salvo no caso do Casas Novoa (A Sionlla), que dependen da Consellería. Despois de varias renuncias encadeadas, o pasado ano o goberno local viuse obrigado a convocar até tres veces o concurso. Paradoxicamente o contrato seguiu en mans de Serunión, unha polémica empresa con varios expedientes abertos que tamén resultou adxudicataria este curso.

“Gustaríame que fora unha empresa local, pero esa empresa ten que existir. Intentámolo, pero non o conseguimos. Chegaron a dicirnos que concursar é un risco. Séntense moi observadas”, lamenta o concelleiro. “Cociñar para máis de mil nenos ao día é moi complexo. E só se presenta un tipo de firma moi concreta, capaz de ser competitiva”, apunta. 

Concello
Xosé Manuel Rodríguez Abellá, xefe do departamento municipal de Educación, esquerda, e o edil Manuel Dios no comedor do CEIP Ramón Cabanillas
FOTO: Concello

A finais de ano está previsto celebrar unhas xornadas para reflexionar sobre o futuro modelo de comedores. A través dun convenio coa Xunta, Raxoi xestiona o servizo en nove colexios: Raíña Fabiola, Vite I, Rodríguez Xixirei, Apóstolo Santiago, Monte dos Postes, Fontiñas, Ramón Cabanillas, Quiroga Palacios e Roxos. Pero en Santiago existen outras fórmulas. O da Sionlla funciona cun sistema mixto: o Concello asume o almorzo e o goberno autonómico, o xantar. Aínda que neste caso contratada pola Anpa, Serunión sirve tamén os menús no Pío XII. Os pais levan as rendas do López Ferreiro, o único centro publico que conta con cociña propia. Xa por último, o Lamas de Abade dispón dun concerto coa escola de Hostelería para cubrir o servizo.

As familias quéixanse de que o encarecemento do servizo non repercutiu na calidade. Pola contra, Dios defende que os prezos “atópanse na media do Estado”. Segundo argumenta, o de Santiago é “o único Concello que lle paga aos monitores a media hora de máis que están no comedor recollendo e limpando”. Para equilibrar a balanza, o goberno local -continúa- duplicou as bolsas de comedor para as familias con menos recursos. A partida ascende desta vez a 360.000 euros. Lembra outras melloras que se introduciron no último prego como a supervisión dos menús por parte dunha nutricionista externa ou a substitución das vaixelas de plástico por outras de vidro temperado. Ademais, cada trimestre está previsto celebrar unha auditoría na que participan empresa, Raxoi e pais para facer un seguimento do servizo. A primeira terá lugar en decembro.