El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

López Ferreiro: xantar caseiro no comedor escolar

Sen peregrinar ducias de quilómetros, os pratos recén feitos van directamente da cociña á mesa // Xestionado polos pais, é o espello no que moitas familias queren mirarse // Con case 200 usuarios de media, o servizo funciona cun equipo de 15 persoas // Anos atrás desbotouse que o centro servira menús ao colexio de Vite a ao Apóstolo Santiago

No comedor do López Ferreiro hoxe toca tortilla. Houbo que facer ata 26 unidades para os case 200 usuarios que empregan o servizo - FOTO: Fernando Blanco
Ver galería
No comedor do López Ferreiro hoxe toca tortilla. Houbo que facer ata 26 unidades para os case 200 usuarios que empregan o servizo - FOTO: Fernando Blanco

ELVA OTERO. SANTIAGO  | 15.12.2016 
A- A+

Nin termómetros, nin fichas de control de calidade. Só unha porta, aberta de par en par, separa a cociña do comedor escolar. Nada que ver co cáterin que chega aos nove comedores escolares que xestiona o Concello de Santiago. O xantar recén feito vai directamente do fogón ao prato. Sen refrixerado previo e sen necesidade de peregrinar quilómetros entre cidades. Un luxo que garante o bo servizo e evita quebradeiros de cabeza ás case 200 familias que empregan a diario as instalacións do colexio público López Ferreiro.

Ás 14 horas entran na sala os comensais máis pequenos, os de tres anos. As monitoras comezan a servir a sopa. “Os pratos de culler teñen moito éxito”, celebra a xefa de cociña, Susana Fondo. Despois de máis dunha década poñendo o seu empeño en que os nenos proben un pouco de todo, sabe moi ben cal é o segredo para que as bandexas de verduras non acaben no lixo. “Gústanlles moito a xudía e o brócoli con allada. Tamén ten moi boa aceptación o revolto de grelos”, conta satisfeita. O resto dos alumnos de Infantil accede ao comedor de forma escalonada. Mentres os de catro anos sentan á mesa, o persoal vai cortando en anacos a tortilla -hoxe preparáronse ata 26 unidades-. A vaixela é de vidro e nos cubertos aínda se poden ler as siglas do Ministerio de Educación e Cultura (MEC), propietario do edificio décadas atrás.

Outros dous profesionais axudan a Susana entre pucheiros. Contratados pola Asociación de Nais e Pais (Anpa), ás 07.30 horas xa están no edificio da avenida Xoán XXIII para poñer ao lume os pratos que requiren máis tempo. Os produtos chegan sempre frescos desde a Praza de Abastos. Nos menús nunca faltan mariscos e peixes do día -sen espiña-, tenreira galega suprema (unha vez ao mes con selo ecolóxico) ou iogures artesáns feitos moi preto de Compostela. Á despensa tamén se engaden outros alimentos que levan ata o centro distintos proveedores. “Aquí non se serve nada precociñado. Nós mesmos facemos as barriñas de peixe, o arroz con leite, o flan ou a torta de mazá”, continúa a cociñeira. Ese debe ser entón o segredo para que os pratos se introduzan na lavalouza baleiros. Case nunca hai queixa. Os pais deseñan os menús que, unha vez avaliados por Susana, supervisa un nutricionista. A mediados de curso, o Sergas solicítaos á dirección do centro para revisalos.

Fernando Blanco
Susana Fondo, xefa de cociña do comedor do CEIP López Ferreiro
FOTO: Fernando Blanco

O do López Ferreiro é un caso singular, o espello no que se miran moitas outras familias obrigadas a empregar o comedor escolar para conciliar. Conserva a cociña desde a época na que funcionaba como centro de prácticas da Universidade de Santiago (USC) para a formación de docentes. Barallouse suprimilo e foi cando os pais, hai algo máis dun par de décadas, decidiron asumir a xestión. A Anpa manexa un orzamento superior aos 200.000 euros e ten un equipo de 15 persoas. No servizo inscribíronse cerca de 300 nenos en diferentes modalidades (días soltos, varias veces á semana, etc), aínda que a media diaria ronda os 190. O desembolso mensual ascende a 97 euros por cada usuario. Existen bonificacións para dous o máis irmáns. A asociación de pais recibe unha axuda anual de 12.000 euros e as familias con dificultades económicas dispoñen das bolsas de comedor do Concello. O colexio da Sionlla tamén dispón de cociña, pero está en mans da Consellería de Educación.

“Estou moi tranquilo porque os nenos comen moi ben. O do López Ferreiro é o modelo idóneo, pero está claro que nun centro pequeno con só 25 usuarios é moi difícil manter unha cociña”, advirte Ramón Lamelo, presidente da Anpa. “Pero nos colexios grandes si que tería encaixe. Gañarían cartos, xerarían postos de traballo e o alumnado comería marabillosamente”, engade. “Habería que estudalo e, pouco a pouco, instaurar un servizo semellante noutros centros”, propón.

Na mesma liña se pronuncia José Ramón Carril, actual director do colexio da avenida Xoán XXIII. “O noso é un modelo exportable, pero ten moitas dificultades técnicas. Aquí hai un número moi elevado de comensais. No Ramón Cabanillas (con 154 usuarios) igual compensa poñer cociña, pero nun centro pequeno sería inviable”, recalca. Anos atrás barallouse que no López Ferreiro se prepararan tamén os menús para o Apóstolo Santiago e o de Vite. “A valoración foi negativa”, lembra.