El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

En Madrid do 18 ao 22 de xaneiro

Santiago recibirá en Fitur o recoñecemento á cidade con mellor reputación on line de España

CDS  | 11.01.2017 
A- A+

A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, presentou as principais accións que Turismo de Santiago desenvolverá en Fitur, que se celebrará en Madrid do 18 ao 22 de xaneiro. Fitur é a principal feira turística española. Na edición do ano pasado participaron máis de 230.000 persoas, das cales máis de 120.000 foron profesionais do sector. Do 18 ao 20, a feira estará reservada ao público profesional e os días 21 e 22 abrirase ao público xeral.

O día 18 ,Turismo de Santiago e Lufthansa presentarán conxuntamente as novas conexións que a compañía de bandeira alemá, unha das máis grandes do mundo, estreará a finais de marzo entre Santiago e Frankfurt e Múnich. Lufthansa conectará Santiago tres veces por semana co seu hub internacional de Frankfurt e unha vez por semana co de Múnich.

O aeroporto de Frankfurt é o maior de Alemaña e un dos hubs máis importantes do mundo. Trátase do maior hub de Lufthansa e ofrece aos seus visitantes todo tipo de servizos, instalacións e eventos. Por outro lado, o aeroporto de Múnich é un dos máis grandes de Alemaña, e foi galardoado no 2016 por Skytrax como mellor aeroporto de Europa por terceiro ano seguido.

A chegada de Lufthansa ao aeroporto de Santiago é moi importante para a cidade, polo menos por tres razóns: permite mellorar dun xeito moi significativo a conectividade de Santiago co mercado alemán, un dos principais mercados para a cidade, con máis de 70.000 pernoctacións ao ano; permite mellorar a conectividade con múltiples destinos europeos e mundiais, grazas á ampla rede de rutas que ten Lufthansa nos seus hubs de Frankfurt e Múnich; e dá un novo prestixio ao aeroporto de Santiago grazas á chegada dunha compañía de bandeira, que pode servir de imán a outras compañías a medio prazo.

Aplicación móbil premiada
O día 19, Turismo de Santiago estará presente nos The AppTourism Awards 2017, premios que concede Segittur, entidade do Ministerio de Turismo encargada de fomentar a innovación no sector turístico español, cunha aplicación turística da cidade deseñada dentro do proxecto Appside de turismo accesible e dun convenio subscrito polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade coa Fundación Orange e a empresa de desenvolvemento tecnolóxico para o turismo GVAM. A app participa na categoría de Turismo Cultural e Gastronómico, onde foi escollida para a final xunto coas aplicacións Fallas Play&Go e Riojawine.

A aplicación ofrece catro rutas e un percorrido accesible polos puntos máis importantes de Santiago. Así, coa app pódese facer a Ruta Intramuros, que propón un percorrido polos principais monumentos do casco histórico e con todas as tradicións que teñen relación coa nosa cidade como Patrimonio da Humanidade.

Outra opción é a Ruta Gastronómica, que busca que se coñeza o mellor da nosa gastronomía, ou a Ruta Extramuros, para dar a coñecer ás persoas que nos visitan as particularidades e a beleza de Compostela fóra do seu casco histórico: entornos naturais, parques… Finalmente, a Ruta Accesible, con puntos de interese adaptados a persoas con discapacidade auditiva ou visual.

Na aplicación hai ademais unha pestana chamada "Accesibilidade", a través da cal o usuario pode elixir e descargar exclusivamente os recursos que precise: subtítulos, vídeos en lingua de signos, audiodescricións… Ademais a aplicación conta cunha opción denominada "Como chegar" que, mediante GPS, guía ao usuario de punto a punto.

Recoñecemento on line
O día 20, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Turismo, Marta Lois, recibirán de Trivago o recoñecemento a Santiago como destino con mellor reputación electrónica de España. O ranking mundial de reputación on line de Trivago elabórase a partires das opinións vertidas polos viaxeiros usuarios da axencia de reservas, un total de máis de 200 millóns procedentes de máis de 200 portais de reserva.

As cidades españolas representadas no ranking de Trivago manteñen unhas valoracións que se moven entre os 81 e 83 puntos sobre 100, pero Santiago de Compostela logra un 83,72, superando a puntuación de cidades como Kioto (83,40), Varsovia (83.38), Lisboa (83.16), Bogotá (82.81) ou Washington D.C. (82.44). No ranking mundial Santiago sitúase no posto 37 de reputación online.

Axenda de reunións profesionais
Ademais destas tres actividades destacadas, o persoal de Turismo de Santiago manterá de mércores a venres unha ampla axenda de reunións con profesionais dos diferentes ámbitos do sector turístico, tanto españois como internacionais, para continuar coa tarefa de promoción da cidade como un destino de calidade. Durante a fin de semana atenderase no mostrador de Santiago as persoas interesadas en visitar a cidade.