El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Comedores escolares: Santiago quere copiar a Ames

A Fanpa reparte preto de tres mil cuestionarios entre as familias para saber que modelo prefiren // "As administracións terían que traballar máis rápido. Levamos moito tempo perdido", lamenta Lacaci

O López Ferreiro é un dos colexios públicos de Compostela que dispón de cociña propia.  - FOTO: Fernando Blanco
O López Ferreiro é un dos colexios públicos de Compostela que dispón de cociña propia. - FOTO: Fernando Blanco

E.OTERO. SANTIAGO  | 19.01.2017 
A- A+

Dúas cociñas para cinco colexios. É o modelo de Ames, o espello no que quere mirarse a Federación de asociacións de nais e pais do alumnado (Fanpa) de Compostela. Xestionado polo Concello, o servizo ocúpase do xantar de 1.200 nenos de cinco centros públicos de Infantil e Primaria. “Os menús preparánse de xeito inmediato e non ás tres da mañá, como sucede no caso de Santiago. Ademais emprega produtos de proximidade”, comenta a elcorreogallego.es o portavoz das familias na capital galega, Fernando Lacaci, pouco antes de comparecer en rolda de prensa para falar sobre este asunto. Para que a cadea funcione, o goberno local de Ames contratou a unha empresa que se ocupa da distribución e tamén a parte dos monitores. A Fanpa é unha das entidades organizadoras da segunda xornada sobre comedores escolares que se celebra o vindeiro mes de febreiro no municipio veciño. Alí presentarase o resultado da enquisa que a federación vén facendo entre as familias compostelás para saber cal é a formula que máis lles convence. As conclusións tamén se lle farán chegar a Raxoi.  En total, distribuíronse máis de 2.760 cuestionarios que os pais irán entregando nos colexios nos vindeiros días

“Queremos sentar as bases para un modelo novo contando coa opinión das familias. O cáterin non é o que a xente quere e esta enquisa vainos servir para marcar o camiño”, explica Lacaci. A comisión de seguemento do servizo reunirase o día un do mes que vén. Será un encontro entre familias e Concello para correxir erros burocráticos e deficiencias puntuais. “O funcionamento está normalizado. Os pais non están descontentos porque as expectativas que teñen tampouco son moi elevadas. Está dentro do que se espera”, conta o portavoz.

O que pasará co servizo o vindeiro curso segue a ser unha incógnita e os pais non son moi optimistas, en particular despois da lea que houbo o curso pasado co concurso. “As administracións terían que traballar máis rápido. Levamos moito tempo perdido”, lamenta. Houbo unha primeira toma de contacto entre Fanpa e Raxoi no mes de novembro, pero aínda queda moito traballo por diante. “O que nos gustaría a nós é que houbera unha cociña en cada centro”, apunta Lacaci. Só dous centros públicos de Santiago teñen unha: o López Ferreiro (xestionada pola Anpa) e o da Sionlla (en mans da Consellería de Educación).