El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

#regalatempo, unha campaña para doar medula que naceu na USC

Catro estudantes de Xornalismo lanzan un proxecto para incentivar este xesto altruísta entre os universitarios galegos // A iniciativa vai medrando nas redes sociais con testemuños como o do deportista vigués David Gil

Iván García, esquerda, Romina Alonso e Sara Meijide, tres dos estudantes de Xornalismo que promoven a campaña de doazón
Iván García, esquerda, Romina Alonso e Sara Meijide, tres dos estudantes de Xornalismo que promoven a campaña de doazón

ELVA OTERO. SANTIAGO  | 27.01.2017 
A- A+

Aos 18 anos Sara Meijide fíxose doante de sangue. Agora ten 21 e hai un par de meses que figura no rexistro creado pola Fundación Josep Carreras para favorecer os trasplantes de medula ósea. “Ámbolos dous foron actos altruístas. Non teño ningún familiar ou achegado que precisara axuda neste sentido”, confesa a elcorreogallego.es a moza lucense. O seu pai é médico e botoulle unha man á hora de dar os pasos axeitados. “Doar sangue esixe un compromiso menor. Ti decides cando e como. Ademais son cero negativo e sei que se vai poder empregar moitas veces”, explica. “Pola contra, o da medula obrígache a estar sempre pendente. Hai que estar dispoñible cando aparece un enfermo compatible. E, por desgraza, iso sucede moi poucas veces. O máis probable é que morramos sen facer unha doazón”, continúa.

Sara contaxiou o seu espírito solidario aos seus compañeiros da Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago. Nada máis comezar cuarto curso, o pasado setembro, na materia de Estratexias e Plans de Comunicación encargáronlles unha misión: deseñar unha campaña publicitaria que tamén tivera presenza nas redes sociais. Xunto con Romina Alonso Fernández, Juan Davila Fernández e Iván García Calaza, en decembro lanzaban Regala tempo, doa medula, unha iniciativa para promover a implicación dos universitarios galegos neste asunto. A súa comunidade en Facebook achégase aos 300 seguidores. Ademais dispoñen dunha canle en Youtube que se vai enriquecendo paulatinamente con testemuños. O último conta a historia do vigués David Gil, o impulsor de 700 Camisetas contra a leucemia, unha campaña que tamén pretende fomentar a doazón de medula ósea en Galicia a través do deporte. O vindeiro catro de xuño celebrarase a oitava marcha solidaria para percorrer os 35 quilómetros que unen a cidade olívica con Pontevedra.

O proxecto dos alumnos de Xornalismo segue medrando coas aportacións que van facendo persoas como o deportista David Gil -o seu irmán faleceu á espera dun trasplante- ou estudantes galegos que, desde diferentes puntos de España, envían as súas mensaxes. “Queremos seguir contando historias porque sabemos que iso é o que máis cala na xente”, engade Sara. Segundo datos do Centro de Transfusión, no 2016 a doazón de medula ósea medrou un 41% en Galicia (a cuarta comunidade na que máis se incrementou o número de doadores).


COMO FACERSE DOANTE
O proceso de doar medula comeza cunha extracción inicial dunha mostra de sangue ou saliva. Tomada a decisión, non hai máis que achegarse ata as instalacións que o Centro de Transfusión de Galicia posúe na avenida Monte da Condesa s/n (Compostela). Só con este paso, o interesado xa queda inscrito no banco mundial de doazóns ata que apareza un posible receptor. No suposto de atopar alguén compatible, extraeríase un determinado tipo de células para transplantarllas ao paciente enfermo nun proceso que apenas require hospitalización e non produce ningún efecto secundario.