El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O Entroido quece motores: un bosque encantado nos CSC e bailes do mundo no Gaiás

Os Xenerais do Ulla darán a saída ás festas na comarca a vindeira fin de semana // O grupo Pesdelán presenta o seu espectáculo 'Entroidanzas' na Cidade da Cultura

Orixinarios da comarca da Ulla, os atranques dos Xenerais foron declarados Festa de Interese Turístico de Galicia no 2013 - FOTO: Turismo de Santiago
Orixinarios da comarca da Ulla, os atranques dos Xenerais foron declarados Festa de Interese Turístico de Galicia no 2013 - FOTO: Turismo de Santiago

REDACCIÓN WEB. SANTIAGO   | 07.02.2017 
A- A+

Moita imaxinación, un pouco de maña e ganas de divertirse. Non fai falla moito máis para gozar do Entroido, unha desas celebracións que serve para poñer cor ao longo inverno. Aínda que o tradicional desfile que percorre as rúas de Santiago non terá lugar ata o 28 de febreiro, centros socioculturais (CSC) e colexios xa levan varios días traballando arreo. Tamén os Xenerais do Ulla están listos para dar o pistoletazo de saída ás festas. Montados a cabalo e ataviados con vistosos traxes militares, a partir do sábado 11 de febreiro percorrerán as parroquias da comarca escenificando un atranque ou alto, é decir, un enfrontamento dialéctico entre parellas que se emprega para facer burla e sátira de asuntos locais acontecidos durante o último ano. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, o grupo irá recalando cada fin de semana en diferentes localidades para rematar, o domingo 5 de marzo, en Touro, Vila de Cruces, Lestedo, Vedra e Teo. O calendario definitivo preséntase o martes 7 no pazo de Raxoi (12 horas).

De portas para adentro, os centros educativos tamén ultiman os preparativos do que constitúe unha das xornadas máis máxicas para o alumnado. Xusto antes das vacacións (27, 28 de febreriro e 1 de marzo), adoitan reservar o venres 24 para a súa festa de Entroido. Nas aulas faise o disfraz e tamén se ensaian as cancións e coreografías que acompañan ás comparsas. Para quecer motores, nas xornadas previas os nenos seguen os mandatos do Meco.

Baixo o título de O Bosque Encantado, na rede de CSC artéllase a vestimenta para o desfile. En paralelo, todos os centros puxeron en marcha diversos obradoiros para elaborar máscaras, disfraces, antefaces, cociñar pratos típicos de Entroido ou construír o Meco. Todas as actividades son gratuítas, previa inscrición. Os participantes exhibirán o seu esforzo e enxeño no pasarrúas do martes 28 (17.30 horas, estación de tren). Ao día seguinte terá lugar o enterro da sardiña e a queima do Meco para poñer fin ás festas. A figura de cartón pedra abandonará os balcóns do pazo de Bendaña e, despois de atravesar as rúas do centro da cidade, rematará na praza Roxa. Os que o acompañan en procesión adoitan vestir de rigoroso loito.

Pesdelán
Monste Rivera, en primeiro termo, do grupo Pesdelán, durante unha das actividades organizadas coincidindo coa xira de 'Entroidanzas'
FOTO: Pesdelán

MOSTRA NA BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL
Son moitos os espazos culturais que promoven unha programación especial coincidindo con estas datas. O Museo Centro Gaiás celebra o vindeiro 27 de febreiro A volta ao mundo en 80 entroidos, un baile festivo que convida a coñecer as diferentes tradicións e culturas arredor desta celebración. A cita inclúe o espectáculo Entroidanzas, de Pesdelán, e unha sesión DJ. A entrada custa tres euros.

Na biblioteca pública Ánxel Casal, entre o luns 20 e o venres 24 tamén haberá que cumprir os ordes do Meco. O primeiro día cómpre levar uns lentes para ver mellor; o martes 21 toca tapar a cabeza; o mércores 22 será o momento de ir cunha flor grande; o xoves 23, algo no pescozo; e xa por último, un zapato diferente en cada pé. En paralelo, durante todo o mes poderase visitar unha mostra bibliográfica composta dunha selección de libros da colección infantil sobre o Entroido.