El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Retencións nunha rotonda de Santiago por un camión duns 70 metros

Transportaba unha enorme viga para a construcción e atascouse bastantes minutos na manobra de xiro na glorieta que une a autovía a Lavacolla co polígono de Costa Vella

O camión atravesado e xirando na rotonda que comunica a autovía a Lavacolla co polígono de Costa Vella e coa avenida de Asturias, en Santiago - FOTO: Fran Domínguez
O camión atravesado e xirando na rotonda que comunica a autovía a Lavacolla co polígono de Costa Vella e coa avenida de Asturias, en Santiago - FOTO: Fran Domínguez

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 16.03.2017 
A- A+

Os condutores que pasaron este mércores a iso das cinco menos cuarto da tarde pola rotonda que une a avenida de Asturias coa autovía a Lavacolla e co polígono empesarial de Costa Vella tiveron que esperar en cola bastantes minutos pola manobra dun enorme transporte que levaba unha xigantesca viga. As retencións, en calquera caso, non foron importantes porque o piloto do camión, con 14 eixes, despregou as súas mellores habilidades para conseguir xirar o 'bicho', cunha lonxitude desde a cabina ao final da viga de aproximadamente setenta metros.

Tratábase dun megatrailer dos que están suxeitos a unha normativa moi estricta polas súas dimensións, e que mesmo poden provocar temor ou inseguridades nalgúns aos condutores de turismos ou furgonetas que circulan no seu mesmo sentido.

A empresa Formaster, de formación integral, ofrece algunhas pautas de comportamento ao volante se coincidimos con estes monstros nas estradas. Obviamente, manter a calma e a distancia de seguridade. Un dos maiores perigos é o adiantamento, pola lonxitude e a pouca visibilidade, polo que hai que extremar a atención e a precaución nesa manobra, especialmente se hai rachas de vento lateral. Para xirar, estes xigantes necesitan moito espazo, polo que necesariamente se abrirán e poida que invadan o carril contrario se as estradas non están deseñadas para o seu xiro.