El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Guía imprescindible para espremer a Festa das Letras en Compostela

Teatro, roteiros literarios e moita música acaparan a axenda para conmemorar a efeméride e render homenaxe á figura de Carlos Casares

Mario G. Cortizo, esquerda, Federico Mosquera Martínez e Elena Tarrats Gómez son a alma de Gelria, o trío que actúa no Gaiás o mércores 17 
 - FOTO: Juan Luis Rúa
Mario G. Cortizo, esquerda, Federico Mosquera Martínez e Elena Tarrats Gómez son a alma de Gelria, o trío que actúa no Gaiás o mércores 17 - FOTO: Juan Luis Rúa

ELVA OTERO. SANTIAGO  | 16.05.2017 
A- A+

Cada 17 de maio, desde 1963, os galegos veñen celebrando o Día das Letras, unha homenaxe aos que cultivaron unha obra literaria sobresaínte na lingua nai e tamén para os que a defenderon con unllas e dentes. Nos últimos 54 anos a festa foi collendo corpo e todas as institucións, desde a Real Academia Galega, pasando polas escolas e entidades culturais, ata os concellos máis minúsculos, queren sumarse. Capital da comunidade, Compostela adoita ser o escenario da manifestación en defensa do idioma, pero na cidade tamén se programan moitas outras actividades para que nenos e maiores espreman a xornada. Certo é que en moitos casos a conmemoración da efeméride se prolonga durante todo o mes.

1. Casares, segundo o seu fillo. Håkan Casares Berg ofrece o xoves (19 horas) unha conferencia na biblioteca Ánxel Casal sobre o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras. O sábado (12 horas) Servando Barreiro fará unha adaptación de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, obra do autor ourensán. Ademais, o centro da avenida Xoán XXIII mantén aberta ata finais de mes unha mostra bibliográfica que ten á figura á que se rende tributo como protagonista. A entrada a todas as actividades é gratuíta.

2. Teatro no CSC de Santa Marta. O club de teatro do centro sociocultural (CSC) representa o martes 16 (19.30 horas) un par de pezas de Vento ferido (O xogo da guerra e Como lobos), unha obra cunha ducia de relatos curtos que serviu para que Carlos Casares se dera a coñecer no 1967. No CSC de Vite están a traballar nunha tira gráfica xigante sobre o autor.

3. Andaina literaria. Con saída na praza de Mazarelos, MaOs Innovación Social encárgase de guiar un percorrido que permite achegarse aos lugares de Compostela vinculados a Carlos Casares, como a Facultade de Filosofía e Letras ou a sede do Consello da Cultura Galega. Haberá roteiro o martes 16, o xoves 18 e o venres 19 (sempre ás 19.30 horas). O 17 de maio dóbrase a cita e o itinerario poderá facerse ás 17 horas e ás 20 horas. Para inscribirse, cómpre enviar un correo a info@auditoriodegalicia.org.

4. Teatro musicado. O Conservatorio Profesional de Música tamén se suma á efeméride coa representación teatral musicada dun conto de Casares: Lolo anda en bicicleta. Terá lugar o martes 16 (19.15 horas) no auditorio do centro.

5. Concerto de Gelria no Gaiás. O trío formado por Elena Tarrats, Federico Mosquera e Mario G. Cortizo achégase o mércores 17 (13 horas) á Cidade da Cultura con Cantos de poeta, unha experiencia cultural e un percorrido histórico por Galicia a través dos seus principais poetas e versos. A entrada é libre ata completar aforo.

6. Libros gratis. Os que visiten a Casa do Cabido o mércores 17 recibirán como agasallo unha publicación en galego. Son exemplares do fondo do Consorcio e abordan diferentes temáticas: Literatura, Arte e Historia de Santiago.

7. Os D’Abaixo no Principal. Integrado por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia, Fía na Roca e Berrogüeto, o grupo folk compostelán aterra o martes 16 (22 horas) no espazo da rúa Nova para presentar o seu novo disco, Quixera ser dos paxaros.

8. Vermú das Letras. Xoán Curiel e Sérgio Tannus actuarán na praza do Toural o mércores 17 (13.30 horas) para amenizar a sesión vermú organizada con motivo da Festa das Letras.

9. A Real Filharmonía estrea Formiga. Tamén coincidindo cos fastos do 17, a orquestra ten previstos dous concertos. O primeiro celebrarase o martes 16 no Auditorio Municipal de Ourense (20.30 horas). O xoves actuará en Santiago, no Auditorio de Galicia (20.30 horas). En ámbolos dous casos o repertorio péchase coa estrea da obra Formiga, do compositor lucense Rubén Vizcaíno (1978), escrita sobre un texto do libro A galiña azul, de Carlos Casares. Promovida polo Consello da Cultura Galega, a entrada é gratuíta.

10. Mostra na Zona C. O 30 de maio chega a Compostela Os mundos de Carlos Casares, unha exposición itinerante organizada pola fundación que leva o seu nome. De acceso libre, poderase visitar de martes a sábado de 16 a 20 horas e os domingos de 14 a 19 horas.