El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

San Xoán en Compostela: o que non te podes perder

O festival que arrinca o xoves en Mazarelos serve para quecer o ambiente antes da gran noite das cacharelas

Foron moitos os que se achegaron o ano pasado ata o casco histórico para saltar as cacharelas - FOTO: Ramón Escuredo
Ver galería
Foron moitos os que se achegaron o ano pasado ata o casco histórico para saltar as cacharelas - FOTO: Ramón Escuredo

LARA EIRÉ. SANTIAGO  | 20.06.2017 
A- A+

A das cacharelas é unha das noites máis máxicas do ano. Non hai barrio que non prenda o seu lume para espantar meigallos e toda a cidade se enche de festa. Aínda que o clímax do San Xoán non chega ata a medianoite do venres 23, ao longo da semana diversas institucións e entidades organizan actividades de diferente índole para quecer motores. Sen ir máis lonxe, os que desexen aprender a preparar a auga purificadora tan típica destas datas teñen a oportunidade de apuntarse nalgún dos moitos obradoiros que haberá nos vindeiros días. Aí vai unha guía para non perder detalle da efeméride:

1. Roteiros para recoller herbas. O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago (USC) e o centro sociocultural (CSC) de Fontiñas son os máis madrugadores. Para o mércores 21 teñen sendas convocatorias pensadas os que lle apeteza saír na procura de herbas. Dirixido por Víctor Fidalgo (coordinador da Área de Natureza da Fundación USC Deportiva) e Daniel Castro Fernández (licenciado en Bioloxía e investigador en formación da USC), o primeiro arrincará da piscina universitaria (16.30 horas) para continuar cara o río Sarela e o Pedroso. Cun tope de 30 persoas, está pensado para nenos -acompañados de adultos- e maiores. Require inscrición previa e os prezos oscilan entre catro e seis euros. No caso do CSC, a entrada é gratuíta ata completar aforo. O grupo partirá ás 19 horas do propio espazo. O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) promove unha actividade de similares características. Sen custo algún, será o xoves 22 (18 horas). Tamén hai que apuntarse previamente. A celebrar na tarde do venres 23 (18 horas), os veciños de Conxo organizan un roteiro para recoller as herbas de San Xoán. De guialo ocuparase o biólogo Martín Souto. O obradoiro do CSC do Ensanche terá lugar na mesma tarde (18 horas).

2. Contos de San Xoán. Coa intención de achegar as lendas da efeméride aos máis pequenos da casa, ao longo da semana haberá varias sesións de contacontos. Celso F. Sanmartín poñerá voz a unha das citas o xoves 22 (21 horas). Será no marco do festival que o Concello de Santiago organiza por segundo ano consecutivo na praza de Mazarelos. O venres 23 (18.30 horas) haberá outra función para nenos no CSC de Santa Marta.

3. Mercadiño tradicional. O xoves 22 (17 horas) abrirá as súas portas o festival de San Xoán que promove Raxoi. Permanecerá na praza de Mazarelos ata o sábado 24. Entre outras moitas actividades, inclúe un mercadiño coa participación de Sanín Percusión Tradicional, Susi Gesto, Panadería Manzanas ou Alimentación Divina.

4. Obradoiro de baile. Montse Rivera coordina as sesións de iniciación ao baile que terán lugar en Mazarelos o xoves 22 (18.30 e 19.30 horas), mentres que Mercedes Prieto se ocupará das quendas do venres 23 (20.30 e 21.30 horas). Son actividades gratuítas suxeitas a aforo e dispoñibilidade de espazo.

5. Tren cacharelo. É unha boa opción para os que desexan visitar os puntos quentes da festa de San Xoán. Circulará o venres 23 entre as cinco da tarde e a unha da madrugada. Sairá ás horas en punto desde o CGAC.

6. Roteiro coa saída do sol. Convocado para as 06.54 horas do sábado 24, trátase dun roteiro libre por Compostela para completar os ritos tradicionais da madrugada de San Xoán: ver bailar o sol na zona este da cidade e lavar a cara coa flor da auga en canto amence.

7. Festival en Mazarelos. Para pechar as festas, o sábado 24 a histórica praza acollerá un festival que se prolongará durante toda a xornada. Haberá obradoiros para decorar pratos, percusión e elaboración de queimada, pasarrúas de música tradicional e concertos.

8. Cacharela nos Tilos. A que se organiza na urbanización dos Tilos (Teo) é unha das cacharelas máis multitudinarias da comarca. Na explanada da piscina municipal (rúa do Carballo) a pulpería Mosquera de Melide montará unha carpa na noite do venres 23. Haberá sardiñas, polbo e churrasco. O acceso custa dous euros que posteriormente se descontarán de cada ración. Os membros da asociación de veciños distribuirán uns vales gratuítos válidos para dous pratos. Por se fora pouco, unha disco-móbil ocuparase de amenizar a festa que arrincará cos fogos de artificio donados polos comerciantes da zona. Da diversión dos máis pequenos da casa ocuparase o colectivo Arcostilos, que se achegará ao parque para ofrecer diversas actividades. Unha das novidades é que a celebración se prolongará ata o sábado 24. A oferta culinaria completarase con carne ao caldeiro. De poñer a banda sonora á sesión vermú encargarase o dúo musical Phantom. O ano pasado sumáronse aos fastos máis de medio milleiro de persoas.