El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Todo o que debes saber das festas de San Pedro

O programa xa levantou o pano, pero irá cobrando intensidade cara a fin de semana

Ambiente nas festas de San Pedro o pasado ano - FOTO: Antonio Hernández
Ver galería
Ambiente nas festas de San Pedro o pasado ano - FOTO: Antonio Hernández

LARA EIRÉ. SANTIAGO  | 28.06.2017 
A- A+

Aínda que lle vai saíndo competencia, polo de agora poucas festas de barrio son máis multitudinarias que as de San Pedro. O programa xa levantou o pano, pero irá cobrando intensidade cara a fin de semana. Haberá un pouco de todo e para todos os públicos. Proxeccións, deportes, xogos, moita música e, por suposto, romaría.

1. Mércores 28. A xornada arrinca compartindo un xantar vegano (sen produtos animais) na Casa do Matadoiro (14.30 h.). Organizado polo proxecto Convivir Parapapar, a idea é que cadaquén leve o seu prato e sente a compartir. De sobremesa (17 h.), proxectarase no mesmo espazo Seis estrelas, a historia de tres nenas que viven nos campamentos saharauis no deserto de Alxeria. A continuación (18.30 h.) haberá outro pase, Conversas en lata, un traballo sobre as conserveiras da Illa de Arousa realizado polos nenos do CEIP Torre Illa. O solpor celebrarase coa poesía de AldaoLado (praza da Angustia, 21.30 h.) e, xa cara a noite (adro da igrexa da Angustia, 23 h.), haberá contos e maxia a cargo de Celso Sanmartín e Benxamín Otero.

2. Xoves 29. Tamén na Casa do Matadoiro (de 16 a 20 h.) haberá proxeccións de documentais e vídeos curtos que pretenden inspirar cambios positivos e presentar alternativas inspiradoras. Pola tarde chega o momento de manchar as mans para aprender a modelar. A cargo de Juana e Carmela, celebrarase un obradoiro de barro (18 h.) na praciña da Igrexa. Para pechar axenda, foliada na praza 8 de Marzo (22 h.) con Airiños da Freba, Os Viqueiras e Zurrumalla.

3. Venres 30. Circonove ocuparase de dirixir o obradoiro de circo que terá lugar na praza da Angustia (17 h.). Tamén haberá pasarrúas cos cabezudos e Os Cincocentos (19 h.). A música tará de novo o seu epicentro na praza 8 de Marzo (22 h.). Alí estará o escenario no que actuarán Atras Tigre, Zënzar e Rebeliom do Inframundo.

4. Sábado 1. Para o día grande, a comisión organizadora preparou unha manchea de actividades que encherán o barrio de festa. Na praza da Angustia (11.30 h. a 19 h.) instalarase o Espazo Ciencia. Está previsto celebrar xogos de biodeversidade, obradoiros, mostras ou encontros como o programado co Centro Oceanográfico de Vigo. O Espazo Letras montarase na praza Begoña Caamaño-Zona C (12 h. a 20 h.). Ademais de obradoiros e cancións en lingua de signos, diversas librerías instalarán os seus postos de venda. Concheiros e a súa contorna serán a Zona Xogo (12 a 20 h.). Aí tamén terá lugar a sesión vermú (14 h.), os pasarrúas (11 h. e 16.30 h.), a exhibición de grafiti e o obradoiro de dj (17 h.), o concerto da Banda Municipal de Música (20 h.) e a verbena (22.30 h.). O parque da Trisca converterase no Espazo Sonoro e haberá unha pichada comentada de música clásica (12 h.) e un concerto da orquestra experimental do mapa emocional (17 h.). A praza 8 de Marzo quedará bautizada como Espazo Cidadán (11.30 h. a 19 h.) e acollerá microcharlas e sesións de micro aberto. Xa por último, San Pedro, arteria principal do barrio, tamén absorbe parte do programa festivo e contará con pasarrúas (11 h., 16.30 h. e 18.30 h.), obradoiros de debuxo (17.30 h.) e baile (19.30 h.), a cargo de Brincadeira.

5. Domingo 2. A derradeira xornada festiva comeza ben cedo coa terceira edición da Romaría do Fútbol (10 h., campo de fútbol de Belvís). Os gaiteiros da Xuntanza e o Grupo da Gentalha do Pichel ocuparanse da alborada (11 h.) e de poñer a ton as prazas do barrio cos seus bailes (13 h.). Como colofón, ás 14 h. comeza a tradicional romaría no parque de Belvís. Contará coa participación de Xandobela, Estalotes e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Haberá polbo e churrasco.