El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Compostela quere ser Camden Town

O Apóstolo 2017 dálle un empurrón á sesión vermú, un deses intres máxicos con música ao vivo que crea ambiente festivo nas rúas do casco vello

HELENA FERREIRÓS. SANTIAGO  | 31.07.2017 
A- A+

Crúzanse palabras en tantos idiomas que semella unha torre de Babel. A música en directo, a calquera hora do día, comeza a ser unha convidada habitual. Pouco importa que sexa a praza de Praterías, a de San Martiño Pinario, a Vía Sacra ou Tras San Fiz de Solovio. O casco vello de Compostela modernizouse e cada vez aseméllase máis a barrios de vangarda europeos como Camden Town. E se non que llelo pregunten ao numeroso público que este mediodía se congregou en Cervantes para escoitar a Ukestra do Medio.

A banda de ukeleles era unha das actuacións programadas no marco do Apóstolo 2017, pero tería encaixe en calquera fin de semana do ano. Público que se achegue a este tipo de concertos non falta. Picheleiros de berce -e tamén de adopción- de seguido se van sumando a esas festas que atopan a pé de rúa. Fanlles compaña ás mareas de turistas e peregrinos que, procedentes de distintos países do mundo para saborear a maxia xacobea, absorben con paixón todo aquilo que vén doutras culturas.

G.L.O.
Concerto da Ukestra do Medio na praza de Cervantes
FOTO: G.L.O.

Protagonizada pola Ukestra do Medio, a sesión vermú celebrada en Cervantes puxo unha vez máis a Compostela en sintonía co ambiente que se respira en moitas outras capitais europeas. Salvando as distancias no que a volume de xente e actividade comercial se refire, esa escena que se reproduce cada sábado na contorna do Mercado de Abastos –música en vivo incluída- non está moi lonxe da que se palpa, por exemplo, no distrito londinense de Camden Town. Cos seus versátiles instrumentos de corda, os integrantes do grupo souberon debuxar esa atmósfera feiteiceira nunha das últimas xornadas do Apóstolo 2017. A pedra monumental serviu de escenario e eles fixeron o resto. Nese intre de petiscos para uns e sobremesa para outros, Cervantes converteuse no epicentro dos fastos. Porque non fai falla agardar a que caia a noite para celebrar. Nas datas especiais calquera momento vale.

FOGOS FIN DE FESTA

Despois de algo máis de dúas semanas, o Apóstolo 2017 chega hoxe ao seu fin. A axenda arrinca hoxe cunha nova sesión de monicreques en ruta. A cargo de Títeres Cachirulo, o percorrido comezará na Alameda, a carón da escultura de Valle Inclán (18.30 h.). Ao escenario da Quintana (22 h.) subirase a banda de rock de California Allah-Lase e The Limboos. Acciona Producciones e Ricasa ocuparanse dos tradicionais Fogos Fin de Festa no Campus Vida (23.30 h.). A música poñerá o broche de ouro. Haberá verbena coa orquestra Compostela na Alameda (00.00 h.) e concerto no Toural coa banda de versión dos Beatles The Funkles (00.00 h.).