El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O Feito a Man trae a Santiago case 80 espectáculos durante o mes de agosto

O día 30, para fechar o festival, terá lugar o espectáculo "Camiñar sen fin. Concerto para Narf", no que participarán ducias de artistas do mundo da música e das artes escénicas que farán un percorrido pola carreira de Fran Pérez ‘Narf’

SANTIAGO. CDS  | 31.07.2017 
A- A+

Setenta e oito concertos e outras tantas bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. O Concello de Santiago colabora na décimo cuarta edición do Feito a Man, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, que terá lugar do 3 ao 30 de agosto, con máis días de programación, máis concertos e máis artistas.

O programa foi presentado esta mañá na praza de Feixóo, coa presenza do alcalde, Martiño Noriega; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e de Manu Rodríguez e Ánxeles Porto, por parte da organización. A parte musical correu a cargo de Espiño.

O alcalde destacou que o Feito a Man é "o fío musical polo que se emite a banda sonora do mes de agosto de Compostela. Eses concertos que te sorprenden camiñando pola cidade histórica". Por iso, engadiu, "o Concello está encantado de colaborar e de duplicar esforzos para continuar consolidando a música en compostela".

Polo Feito a Man deste ano, o máis longo e abondoso de todos os que se teñen celebrado, pasarán máis de 70 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega… Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez, haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario, Cervantes ou Quintana.

Dous concertos especiais

Esta última praza acollerá dous concertos de maiores dimensións e de pagamento: o 20 de agosto, un concerto dos escoceses Shooglenifty coa Banda das Crechas e as Tanxugueiras, que levará o nome de Noite para Angus, o violinista da banda escocesa que tanta relación tiña con Galicia; e o día 30, para fechar o festival, terá lugar o espectáculo Camiñar sen fin. Concerto para Narf, no que participarán ducias de artistas do mundo da música e das artes escénicas que farán un percorrido pola carreira de Fran Pérez ‘Narf’.

Bandas locais e internacionais

Nestes 28 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias. Tal e como é sinal de identidade dende o comezo da propia existencia deste festival, continuará a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade.

Poderemos escoitar bandas como Oh Ayatollah, Espiño, Som do Galpóm, Os d’Abaixo, Valentin Caamaño Trío, Trifasic, Zapa, Chocolate Band, Mojo Experience, Pablo Sanmamed Trio, Alô Django, Garcia Mc, The Neighbour, Banda das Crechas, Grüvzilla, Leira Catro, The Show Bass, Puma Pumku, Noe Black ou Tres Pesos. Alén disto, tamén haberá bandas internacionais como Quique Escamilla (Canadá/México), Kyekyeku (Ghana), Kamankola (Cuba), DJ Najle (Colombia), Cygne (USA), Kaela Rowan Band (Escocia), Haema (Portugal), Michelle Alany and the Mystics (USA), Scratchy Sounds (Inglaterra), Mongrel State (Irlanda) ou Luiz Caracol (Portugal).

Outras novidades

Alén da programación, o festival este ano estrea viño propio, un ribeiro con uva treixadura que leva o nome do festival. E tamén unha app, tanto para móbiles Android como iOS, que se pode descargar de forma gratuíta.

Este festival, organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, está apoiado polo Concello de Santiago e pola Deputación da Coruña, ademais de patrocinado por Estrella Galicia.