El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Apóstolo 2017: os fogos tinguiron outra vez o ceo de maxia

Con máis pólvora que o 24 de xullo, o espectáculo pirotécnico que puxo fin ás festas arrincou unha longa ovación por parte do público

HELENA FERREIRÓS. SANTIAGO  | 01.08.2017 
A- A+

A de onte era unha noite máis fría do habitual para esta época do ano. Pero bastou abrigarse coma se fora o principio do outono para gozar do espectáculo pirotécnico que pechou as festas do Apóstolo 2017. Menos multitudinarios que os do 24 de xullo, os que teñen como escenario o Campus Vida si que están ao alcance de todos os públicos e foron moitos os picheleiros, veciños dos municipios da contorna e tamén turistas os que se achegaron ata o recinto para mirar cara o ceo e ver algo máis cas estrelas. De feito, unha hora antes de que se iniciara a traca xa resultaba difícil atopar onde deixar o coche. Solventado este asunto, bastaba con atinar na ubicación máis axeitada para non perder detalle do show. Como non había capítulo audiovisual (no Obradoiro si), era suficiente con fixar os ollos na bóveda celeste e agardar que a maxia fixera a súa aparición.

E maxia houbo moita. A cargo de Ricasa, notouse que había máis pólvora que na véspera do Día de Galicia. Segundo os organizadores, empregáronse 451 quilos (11 máis que a semana pasada) a repartir en 4.812 artefactos. Desde a escalinata que une a Alameda co Campus, estalaron facendo formas oníricas en chamativas cores e arrincaron máis dun sorriso entre o público asistente. No ceo dos colexios maiores debuxáronse espirais, rostros felices, estrelas e corazóns de ton brillante. Era como un cadro costumbrista efémero, co plus dunha banda sonora moi ruidosa. Ademais desa pirotecnia tan típica que lembra ás palmeiras, chamaron a atención eses fogos que tinguiron de dourado a noite compostelá con perfís alusivos á hortensia, unha sorte de homenaxe á realidade galega. Na mesma liña, a pólvora de Ricasa serviu para retratar unha cuncha de vieira. O broche final foi unha sonora traca que se fundiu cunha prolongada ovación do público asistente.

FERNANDO BLANCO
Un dos momentos do espectáculo pirotécnico no Campus Vida
FOTO: FERNANDO BLANCO

DÚAS SEMANAS DE FESTA

Os fogos de onte poñen o punto e final a unhas festas máis longas do habitual. Comezaron o pasado 14 de xullo e trouxeron a Compostela unha manchea de espectáculos, todos eles gratuítos. Especial mención merece o espazo que se lle outorgou aos artistas locais e a positiva resposta que tivo esta iniciativa por parte do público. Véxase o caso de De Vacas, que ateigou a praza do 8 de Marzo, ou o concerto que a Banda Municipal de Música ofreceu xunto con Cantigas e Agarimos e Treixadura. Cita esta última que puxo A Quintana ata a bandeira. Non faltaron tampouco no cartel nomes internacionais como Irving Arthur & The Black Voices of América e Hot Swing Revue ou Nada Surf (incorporación de última hora para substituír a Macy Gray).

Os nenos tamén tiveron un merecido protagonismo na axenda festiva. Ademais da Romaría Cativa, un clásico do Apóstolo que cada ano gaña adeptos, houbo roteiros con monicreques, obradoiros de baile e un longo etcétera. A partir de agora e durante todo agosto, tócalle ao festival Feito á Man poñer a ton as rúas de Compostela.