El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Aproban ‘Ter é manter’ para a mellora da eficiencia enerxética por 150.000 €

ECG  | 12.09.2017 
A- A+

CIDADE HISTÓRICA O Consorcio de Santiago aprobou unha orde de axudas do programa Ter é manter, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica, por 150.000 euros. Esta subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Ademais, con carácter especial, subvencionarase o custo de substitución dos canlóns e baixantes de pluviais deteriorados, así como os gardacanos e a conexión da instalación á rede xeral. As axudas inclúen os custos adicionais e indispensables para a realización das obras como a colocación de estadas, así como os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra. Poderán beneficiarse destas axudas persoas físicas ou xurídicas e agrupación de persoas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios.