El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

Reclaman a ampliación da piscina de Santa Isabel

O PSOE levará unha proposición ó pleno para que se retome o proxecto de 2011

Piscina de Santa Isabel - FOTO: Santiago Turismo
Piscina de Santa Isabel - FOTO: Santiago Turismo

SANTIAGO. PSOE  | 05.10.2017 
A- A+

O grupo municipal socialista presentará unha proposición para o vindeiro pleno na que solicita ao grupo de goberno que retome un proxecto promovido ao final do mandato progresista, en 2011, para ampliar a piscina de Santa Isabel cun novo vaso de catro rúas e outro pequeño para bebés e cursos preparto. O concelleiro Gonzalo Muíños presentou esta mañá o proxecto, que cualificou como viable, realista e, sobre todo, necesario para dar resposta a unha demanda social moi importante, tanto por parte de clubes como da veciñanza. Así mesmo, lembrou que dende 2011, coas pistas de pádel, o goberno local non executou ningún equipamento deportivo de relevancia no termo municipal.

O pleno do vindeiro 19 de outubro someterá a votación dos grupos municipais unha proposición dos socialistas reclamando a ampliación da piscina de Santa Isabel, un proxecto que pasaría por construir un vaso de auga, aproveitando a cuberta, con catro rúas, e cunha superficie de 8,5m x 25m. Como explicou o edil Gonzalo Muíños, esta solicitude resposta a unha necesidade da cidade, posto que, segundo afirmou, actualmente o volume de uso é de máis de 600 usuarios ao día. Destes, engadiu, arredor de 200 realizan cursos, uns 170 pertencen a clubes (hai catro: un de natación, outro de waterpolo e dous de triatlón) e sobre 300 persoas acuden a baño libre (todo é ao día). A demanda, ademais, aumenta considerablemente unha vez rematada a tempada de verán, xa que co peche do globo do Sar, as e os usuarios teñen acceso a Santa Isabel.

A maiores, o proxecto contempla a construcción dun solarium exterior, un baño turco e un vaso pequeno para bebés e para cursos preparto. Porque, como apuntou Muíños, con esta iniciativa tamén se pretende ofertar actividades que non se promoven dende a iniciativa pública, como este tipo de cursos, así como para persoas maiores ou para persoas con movilidade reducida.

En total, as actuacións previstas neste proxecto -que non superaría os 600.000 euros e se poderían negociar con vistas aos orzamentos de 2018- ocuparían uns 600 metros cadrados de superfice en terreo público.