El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

XOÁN CARLOS GARCÍA PORRAL, Doutor en Antropoloxía Social pola USC

“Hai que recoller a tradición oral para que non se perda”

Xoán C. G. Porral é o autor do libro que se presenta mañá - FOTO: ECG
Xoán C. G. Porral é o autor do libro que se presenta mañá - FOTO: ECG

XOÁN CAJIDE. SANTIAGO  | 09.10.2017 
A- A+

Gozar do imaxinario popular e descubrir unha terra poboada non só por seres humanos, senón tamén por personaxes que nos trasladan a outro mundo paralelo ao noso, o mundo do marabilloso” así define Xosé Manuel González Reboredo o último libro de Xoán Carlos García Porral que se presenta mañá, ás 19.00 h, no Museo do Pobo Galego de Santiago. Trátase do estudo De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza, unha obra na que se recompilan esas historias da tradición oral, pasadas de avós a netos, listando máis de 500 lendas da Comarca de Deza. O autor contou a este rotativo todos os detalles do seu novo libro.

‘De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza’, editado por Edicións Fervenza, é a súa última publicación. Como xorde este estudo sobre as lendas desta comarca galega?
É un traballo que se foi tecendo ao longo destes últimos 15 anos. A recompilación de lendas non é algo que se faga nun tempo delimitado. É máis, posiblemente este traballo estea incompleto a pesar das 516 lendas que se recollen sobre a mourindade na Comarca de Deza. Pero todo proceso de investigación debe ter un remate, e eu considerei que este era o momento. Non é un traballo definitivo. Seguro que aínda quedan moitas lendas desta temática por recoller. De feito, neste libro non todas as lendas foron recollidas por min. Grazas a outros investigadores que as foron recollendo ao longo de moitos anos, hoxe podemos ollar ese número tan amplo de relatos. Por iso, o meu recoñecemento a autores vencellados á Comarca de Deza como Antonio Presas, Carmen Buxán, Daniel González, Armando Vázquez, Xulio Carballo ou Sechu Sende e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

Eles e outros poden sentirse parte importante desta publicación.
Como se estrutura o libro?
O libro conta con tres partes moi definidas. Na primeira faise unha introdución xeral á función que ostentan os mouros, as mouras e os tesouros no imaxinario popular galego. Na segunda, a máis extensa, reprodúcense as 516 lendas recompiladas nos seis concellos que conforman a Comarca de Deza, seguindo como criterio a ordenación alfabética das súas parroquias. Finalmente, faise un estudo cuantitativo dos relatos recollidos segundo a súa temática e xeolocalización.A maiores do libro, cun enlace de Google Maps, pódense visualizar todas as lendas xeolocalizadas na Comarca de Deza. Segundo a súa temática, aparecerán identificadas cun símbolo distintivo. Picando nel ou poñendo o nome da parroquia ou unha verba do título da lenda no buscador do mapa web, poderase visualizar a lenda e o espazo xeográfico ao que aparece vencellada.