El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

O Camiño Francés recibe o 60 % dos case 300.000 peregrinos que chegaron este ano

A directora de Turismo participou onte na Ruta Gastronómica deste itinerario

Nava Castro participou onte na Ruta Gastronómica do Camiño Francés - FOTO: Xunta
Nava Castro participou onte na Ruta Gastronómica do Camiño Francés - FOTO: Xunta

REDACCIÓN. SANTIAGO  | 07.12.2017 
A- A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou onte, no Concello lucense de Portomarín, na Ruta Gastronómica do Camiño Francés, iniciativa que dinamiza o principal itinerario xacobeo nos meses de outono e inverno, cando a afluencia de peregrinos tende a descender. Esta proposta, que pon en valor os produtos locais e axuda a dinamizar as súas economías, é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés.
Esta ruta gastronómica, que comezou o pasado outubro e se estenderá ata o próximo mes de xaneiro, é unha aposta máis da estratexia do Goberno galego pola desestacionalización da chegada de viaxeiros e peregrinos, repartidos ao longo do ano.
Nas fins de semana ou en xornadas festivas como a de onte, os camiñantes poden degustar tapas baseadas nos seus mellores produtos. No caso de Portomarín, as propostas céntranse na anguía, as carnes, a augardente, a tarta de Portomarín ou a améndoa, ingrediente estrela das súas sobremesas.
O Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial hai case 25 años, concentra o 60 % dos case 300.000 peregrinos chegados este ano, dos que a maior parte son estranxeiros. Isto converte esta ruta gastronómica nun escaparate da gastronomía de diferentes zonas, desde o queixo do Cebreiro, na entrada en Galicia, ata o galo piñeiro do Pino, xa na recta final.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt