El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

O viveiro do talento matemático

Estalmat leva sete anos detectando altas capacidades matemáticas entre galegos de 12 e 13 anos // Cada sábado adolescentes de toda Galicia afondan na USC nesta disciplina grazas á colaboración de universidade e o ensino medio.

REGRESO Á FACULTADE Alumnos da primeira promoción, hoxe estudantes de Matemáticas, xunto a algúns dos máis novos.  - FOTO: F. Blanco
REGRESO Á FACULTADE Alumnos da primeira promoción, hoxe estudantes de Matemáticas, xunto a algúns dos máis novos. - FOTO: F. Blanco

IOLANDA CASAL  | 24.12.2013 
A- A+

A Facultade de Matemáticas da USC é cada mañá dos sábados un ir e vir de rapaces adolescentes. Os seus rostros son aínda algo infantís, pero a súa cabeza, polo menos no matemático, non. "Aquí hai alumnos que saben responder tipos de preguntas que non resolven estudantes universitarios", confesa Manuel Ladra ao pé da aula onde hoxe lles ensina con naipes que parte da maxia é en realidade matemáticas, como tamén o é a criptografía que agochan os sistemas de seguridade das tarxetas de crédito e os códigos de barras.

Ladra é un dos profesores da facultade implicados no proxecto de Estímulo do Talento Matemático Estalmat, que cada curso, dende hai seis, selecciona en Galicia 25 estudantes de 12 e 13 anos con aptitudes avanzadas nas ciencias exactas. Aquí aprenden, da man de 40 docentes universitarios e de secundaria, que as matemáticas "teñen que ver con todos os campos da sociedade", máis aló do que lles ensinan no instituto, resume o presidente do proxecto na comunidade, o tamén profesor da USC Juan Viaño.

"O valor deste proxecto é incidir sobre un segmento de estudantes que polas súas cualidades non está suficientemente atendidos nos seus colexios e institutos, estimulando o seu talento matemático para que non se perda. É unha forma de atención á diversidade, ás altas capacidades, estean ou non recoñecidas ‘oficialmente’ nestes rapaces (...). Ás veces agóchanas e outras íllanse socialmente. Este programa ponos en contacto e desfrutan resolvendo problemas", engade Viaño. 

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt