El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Loito pola morte de Fernández del Riego, faro do galeguismo

O intelectual, un dos motores da renovación da Galicia, será incinerado na intimidade, sen velorio oficial, e o seu funeral celebrarase este luns na Colexiata de Vigo

VANESA OLIVEIRA SANTIAGO   | 27.11.2010 
A- A+

RETRATO OFICIAL Antón Pulido pintou o don Paco da RAG.

O mundo cultural galego acolleu onte con conmoción e pesar a noticia do pasamento de Francisco Fernández del Riego, ao que non dubidaron en cualificar como un dos motores da renovación cultural da Galicia de posguerra. O estado de saúde do intelectual lugués empeorara nas últimas semanas. "Levaba anos cun tratamento forte pero era un loitador que non se deixaba vencer aínda que nos últimos días lle dera un baixón moi forte", indica o académico Manolo González. Segundo fontes próximas á familia, don Paco será incinerado na intimidade, sen velorio oficial, e o vindeiro luns, día 29, celebrarase un funeral na súa memoria ás 19.00 horas na Colexiata de Vigo. O que era o último representante da Xeración Nós e un dos principais impulsores da editorial Galaxia, "representouno todo para a cultura galega do século XX", en palabras de Manolo González.

O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos, parafraseando a Méndez Ferrín, salientou que Del Riego era "un corazón de ouro, unha mente luminosa e unha vontade de ferro ao servizo da patria galega". Axeitos lamentou o seu pasamento, que deixa "unha grande orfandade" para Galicia e destacou os seus "case cen anos" de traxectoria, siempre con "gran dignidade". "Loitou con vontade de ferro sempre, en favor das liberdade e en favor da patria, innegable e dende todas as trincheiras posibles", dixo o secretario da RAG.

Para Manolo González, don Paco foi "un dos motores da recuperación cultural de Galicia, que estivo detrás de case todas as iniciativas culturais, na fundación de Galaxia, mantivo durante anos a revista Grial, dando a coñecer o que pasaba en Galicia ao estranxeiro, figura básica do acontecer de Galicia". Manolo González tamén salientou o "compromiso político" do intelectual lugués. "Dende moi novo militou no Partido Galeguista e participou na campaña do Estatuto. Xa durante o franquismo axuda na fundación do Partido Socialista Galego. Sempre se mollou. Foi verdadeiramente un exemplo de coherencia", afirma.

Figura central do galeguismo cultural á fronte de Galaxia, tamén liderou un proxecto de renovación á fronte da RAG, institución que presidiu de 1997 a 2001. "Para a RAG significou moito: a súa renovación necesaria, abriuna a moita xente que tiña reticencias contra a Academia, pero tamén a abriu á sociedade. Impuxo unha cultura de independencia da Academia con respecto aos poderes públicos que chega até hoxe", destacou.

O historiador e ex presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro cualificou a súa figura como un "galeguista fiel a Galicia". Barreiro Fernández, que o sucedeu na presidencia da institución, lembrouno como un "home optimista, alegre e moi traballador". Destacou que a pesar dos "momentos tremendamente duros que tivo que afrontar", soubo sobreporse e contribuír a revitalizar a cultura galega en momentos "convulsos" do país. Ao seu ver, o tesón do lugués deulle á RAG "a autoridade que ten e a dignidade da que desfruta".

Xesús Alonso Montero, amigo de Del Riego, lembrouno como "unha experiencia fundamental" na súa formación intelectual". Coñeceu ao intelectual cando empezaba na universidade e comezaba a introducirse no "mundo do antifranquismo e do galeguismo cultural". Salientou as escolmas de literatura galega publicadas por Del Riego en Galaxia. "A primeira delas, que saíu do prelo en 1919, era a primeira escolma consultada de poesía galega da época. É asombroso porque cando eu estudaba Filoloxía Románica non había ningún manual de literatura galega ao noso alcance. Foi grazas ao manualiño de Del Riego que o puidemos ter entre mans", destaca.

Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol desde que remudou a Del Riego este ano, destacou que era "unha das figuras máis importantes na loita por Galicia, con moita xenerosidade na entrega, era dos bos e xenerosos galeguistas que entregaron todo sen intereses económicos nin de ningún outro tipo, entregado a Galaxia, doando o seu legado a Vigo e á fronte da Fundación Penzol".

PERFIL

O exemplo moral de Don Paco, el si o Bo e Xeneroso

Francisco Fernández del Riego, Don Paco, representaba o nexo máis importante entre o galeguismo anterior á contenda civil, os intelectuais e creadores do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos, e o grupo Galaxia, aquel fato de homes e mulleres que na neboenta posguerra da miseria económica e moral, instituída pola ditadura, foi quen de erguer un proxecto editorial e cultural que era, sobre todo, unha calada protesta e un plan de rexeneración, que aínda hoxe, sesenta anos máis tarde, segue a dar os seus froitos.

A nova do pasamento de Del Riego caía onte sobre a noite fría de Vigo, o porto atlántico que el escolleu para vivir, a praza de Compostela, a Alameda. A súa presenza alí e a doutros compañeiros de viaxe -os Illa Couto, os Álvarez Blázquez, e Ramón Piñeiro desde Compostela- contribuíron a converter a urbe atlántica no epicentro non só da industria editorial galega senón dunha maneira concreta de pensar este país, un combate silandeiro, que non esquivou as coaccións e as censuras, e no que Fernández del Riego foi o máis valeroso e digno dos representantes.

Home dunha sabedoría, afabilidade e xenerosidade extraordinarias, o case centenario galeguista doou en vida todo o seu legado ás institucións culturais viguesas e alí, na Casa Galega da Cultura, no mesmo predio da Biblioteca-Fundación Penzol, que até hai pouco dirixiu, fican os milleiros de volumes de escritores, poetas e ensaístas que foron, antes e despois da creba da guerra, os seus compañeiros e amigos.

Avogado de profesión, Fernández del Riego andou tamén atrás doutras iniciativas senlleiras como a revista Grial, fundada en 1963, que codirixiu xunto a Ramón Piñeiro e o establecemento do Día das Letras Galegas para a conmemoración da literatura de noso. Dedicouse en corpo e alma ao labor xornalístico e asinou incontábeis novas, reseñas e críticas en xornais e revistas, co seu propio nome ou co mítico pseudónimo Salvador Lorenzana, en homenaxe á súa vila natal, Vilanova de Lourenzá.

O ensaio sobre a cultura e a literatura galega, tamén a plástica e as grandes ideas, foron os obxectos da súa preocupación intelectual, en textos diáfanos e ateigados de coñecemento. Foi un mestre de verbo claro e xusto que o mesmo falaba do pensamento filosófico do XIX que da historia das vilas e cidades de Galicia. Era quen de antologar os poetas nunha obra aínda de referencia como de redixir un vocabulario galego-castelán, castelán galego. Fixo de todo, como lle esixía o momento histórico, e todo o fixo ben. Foi, ante todo, un testemuño de excepción da nosa historia. Coñeceu de primeira man os redactores do Estatuto, e actuou como privilexiado nexo de enlace co exilio, aínda exposto ás iras dos represores e da policía política franquista.

Del Riego experimentou ademais un outro renacemento público, el que era un home pouco dado á figuración e aos recoñecementos, cando asumiu en 1997 a presidencia da Real Academia Galega, na que ingresou en 1960 co discurso 'Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores'. El foi quen conduciu a institución da rúa Tabernas ao punto de renovación que logo completarían Barreiro Fernández e Méndez Ferrín na presidencia. Paradoxalmente, o máis veterano dos académicos foi tamén o máis aquelado aos novos tempos, sempre á vangarda, sempre novo como o foi até o seu pasamento onte, aos 97 anos.

Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, recoñecido con todos os galardóns da cultura galega, entre eles o de Galego do Ano do Grupo Correo Gallego no 2001, Don Paco foi un traballador infatigábel, vital, lúcido. Coa morte deste polígrafo, Galicia asiste ao esmorecemento físico dunha xeración da que só restan os testemuños de Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo. El, pola súa idade e polo seu labor, pola fidelidade incorruptíbel aos ideais do galeguismo, pola coherencia e pola dignidade, polo seu exemplo moral, é, el si o é, un Bo e Xeneroso, ao que este país debe chorar hoxe con fondo respecto e agradecemento.

FRAN P. LORENZO

Fillo ilustre

•••O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou o recoñecemento "de todos os galegos á figura de Francisco Fernández del Riego. "Foise un dos últimos vínculos co primeiro Grupo Nós e un home que viviu en primeira persoa case todos os feitos substantivos da recente historia cultural de Galicia", destacou o mandatario galego. Sinalou que deixa "grandes empresas e iniciativas culturais que seguirán vivas, vixentes", entre as que destacou Galaxia, a Fundación Penzol ou a Revista 'Grial', da que foi o seu primeiro director.